Declarada BIC a igrexa de Santa María da Atalaia de Laxe

Trátase dun dos principais exemplos do gótico mariñeiro na Costa da Morte.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/01/2021 | Actualizada ás 20:06

Comparte esta noticia

O Consello da Xunta deu luz verde ao decreto polo que se declara ben de interese cultural (BIC), coa categoría de monumento e nivel de protección integral, a igrexa de Santa María da Atalaia, no concello de Laxe.

Igrexa de Santa María da Atalaia de Laxe
Igrexa de Santa María da Atalaia de Laxe | Fonte: Turismo.gal.

O documento, que entrará en vigor despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), culmina o proceso iniciado pola Xunta de Galicia en xuño do pasado ano, cando se incoou o expediente e deuse comezo coa súa tramitación.

Segundo sinalou a Xunta, o Goberno autonómico realizou o procedemento en menos dun ano, reducindo o prazo de dúas anualidades previsto pola lei autonómica para este tipo de procedementos. Ademais, o expediente BIC está avalado por un informe previo da Real Academia Galega de Belas Artes e outro do Consello da Cultura Galega. Precisamente, este último propuxo unha serie de melloras que se tomaron en consideración para dar unha maior solidez á declaración.

A Xunta detallou que as razóns para esta declaración céntranse nos seus valores construtivos, a implantación no propio Laxe, a relación que o inmoble mantén co mar e a paisaxe mariñeira, e a súa tripla función: defensiva, civil e relixiosa, que cumpriu ao longo da súa historia.

Ademais, sinalou que posúe un conxunto escultórico e decorativo notable, no que sobresae o retablo pétreo da Resurrección que, pola súa calidade, temática e singularidade é un exemplo singular da arte sacra en Galicia.

A Administración galega lembra que esta igrexa responde á orientación tradicional dos antigos templos medievais e supón un dos principais exemplos do gótico mariñeiro na Costa da Morte.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta