Persoal da Xunta denuncia a "total descoordinación" do teletraballo na administración

Piden que as declaracións de Feijóo pedindo aplicar esta modalidade de traballo non queden nun "simple postureo" e esixexn "instrucións claras e concisas".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2021 | Actualizada ás 13:50

Comparte esta noticia

A Xunta de Persoal de Servizos Centrais da Xunta de Galicia vén de denunciar que a aplicación do teletraballo na administración galega se "está facendo dun xeito totalmente descoordinado", sen "medidas unificadas" e mediante a adopción de "solucións diversas nas distintas consellarías e organismos públicos", ou, directamente, non adoptando ningún tipo de solución. Acontece isto días despois de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurara en rolda de prensa a necesidade de implementar o teletraballo todo o posible ante a incidencia acusada da terceira vaga de coronavirus en Galicia. "Na Xunta aplicaremos, incluso con máis énfase que ata o de agora, o teletraballo", foron as súas palabras exactas.

Corredores do complexo administrativo de San Caetano, sede da Xunta, durante a crise do coronavirus.. EUROPA PRESS - Arquivo
Corredores do complexo administrativo de San Caetano, sede da Xunta, durante a crise do coronavirus.. EUROPA PRESS - Arquivo

Con todo, os seus traballadores aseguran que non existe unha acción coordinada para trasladar o traballo ao ámbito telemático. "Medio Ambiente e Política social establecen esta modalidade, pero non deixa de chamar a atención que se trate de accións illadas, adoptadas en función do criterio da persoa responsable de cada unha das unidades administrativas que as implementaron", indican. "Noutras unidades, como por exemplo na Dirección xeral da Saúde Pública da Consellaría de Sanidade, non se está aplicando este criterio, algo que chama de forma alarmante a atención.

Dende a Xunta de Persoal agardan que "as declaracións do presidente non queden nun simple 'postureo'", porque, din, "os empregados públicos da administración autonómica merecen que se apliquen as mesmas medidas independentemente de onde desempeñen as súas funcións". Por todo isto, piden "instrucións claras e concisas" por parte da Xunta para que todo o persoal poida teletraballar; e tamén esixen "indicacións precisas" para aquelas persoas que deban traballar, de xeito temporal ou permanente, en dependencias da Xunta de Galicia (persoas bolseiras, persoal eventual, persoal de empresas de servizos...). 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta