Sanidade gábase dun "proceso exemplar de vacinación" e admite "preocupación" polo aumento de ingresos

Reivindica poder adiantar o toque de queda porque as CCAA "merecen todas as ferramentas para facer o que os seus expertos lle recomendan".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2021 | Actualizada ás 12:21

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, admitiu este venres que "preocupa profundamente" o aumento de ingresos de pacientes con Covid tanto en UCI como noutras unidades, pero subliñou que en Galicia queda "marxe" a pesar do incremento da presión asistencial.

"Temos un plan de continxencia. De modo práctico aínda nos queda un tempo", explicou nunha entrevista na Radio Galega, recollida por Europa Press, na que lembrou que "Galicia superou o límite máximo da primeira onda (178 camas ocupadas en UCI)". "Pero queda marxe, que non nos gusta utilizar e facemos todo o posible para que así sexa", destacou.

Sobre a situación da pandemia en Galicia, o titular de Sanidade explicou que "os datos manteñen esa tendencia lixeira á diminución pero non na liña que gustaría". "Seguimos preocupados", admitiu, para insistir nas medidas en vigor en Galicia para frear os casos e demanda "seguir sendo moi estritos con elas". "Aínda estamos lonxe de poder estar satisfeitos co resultado das medidas e da evolución", afirmou, para engadir que espera que "en breve" se vexa esa melloría nos casos activos.

Sobre as cepas británica e surafricana, Comesaña comentou que a "mutación do virus é algo natural". "Era algo que esperabamos", indicou, para matizar que "todo apunta" a un "crecemento amplo" da británica, que representa na actualidade un 10% de casos de España. "Aínda nos custa saber que variante é", manifestou, para insistir en que a día de hoxe esas variantes supoñen unha "porcentaxe pequena, pero noutros países crece rapidamente". "Temos que pensar que en pouco tempo teremos unha porcentaxe máis ampla", afirmou, que pode chegar ao 50% dos casos.

MÁIS RESTRICIÓNS

Preguntado sobre se hai marxe para endurecer as medidas, o conselleiro de Sanidade explicou que Galicia recorreu a pechar o comercio non esencial ás 18,00 horas e a hostalaría porque o Goberno non permite o adianto do toque de queda --actualmente só se pode adiantar ás 22,00 horas e non ás 20,00 horas como pediron varias comunidades como a galega--.

"As comunidades merecen todas as ferramentas para facer o que os seus expertos lle recomendan", reivindicou Comesaña, quen reiterou que "a alternativa pode ser de máis difícil cumprimento". Así, considera "inconsistente" poder estar pola rúa ata as 22,00 cando o comercio pecha ás 18,00 horas.

"Cremos que con outra ferramenta, bastante lóxica por outra banda --en relación a adiantar o toque de queda--, non estariamos obrigados a tomar medidas dese tipo", subliñou. "Se as cousas non melloran e temos que tomar máis medidas restritivas, terémolo que facer, faltaría máis", advertiu.

VACINACIÓN

En relación ao proceso de vacinación, garantiu que os que recibiron a primeira dose en Galicia terán a segunda, e sinala que a próxima semana xa estarán vacinados os residentes en centros de maiores e dependentes no marco do que cualificou de "proceso exemplar de vacinación". Deste xeito, insistiu en que Galicia prioriza "os residentes e traballadores" de residencias, tanto de maiores como de persoas con discapacidade. Tras eles, recalcou que seguirán cos "traballadores de primeira liña que a recibiron" (a primeira).

"Traballamos coa previsión que temos sobre a mesa", sinalou, para matizar que pediron ao Goberno central que "a información sexa o máis fiel posible e que se van vir menos doses que o digan". "A información ten que ser moi fluída e moi veraz", sentenciou.

En relación á nova ministra de Sanidade, Comesaña matizou que "xa estaba nas reunións" do Consello Interterritorial de Sanidade, por ocupar a carteira de Política Territorial, pero lamentou que as peticións, que xa se lle facían ao anterior ministro, tiveron "o mesmo resultado", como o tema de coñecer o criterio de repartición de vacinas e poder adiantar o toque de queda.

"Levamos tres semanas pedindo que se explique o criterio de repartición. A petición quedou en baleiro e non se fixo caso", lamentou. Con todo, deulle "a benvida como ministra" e deséxalle "o mellor", para sentenciar que con Carolina Darias "máis do mesmo".

Rolda de prensa do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Xunta de Galicia
Rolda de prensa do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta