Margarita Ledo, cineasta: "Hai que deixar de considerar o home como clase A e á muller como B"

A directora da largometraxe 'Nación' reivindica o papel da muller traballadora na fábrica da Pontesa, pero tamén na actualidade, onde segue a haber unha gran desigualdade entre homes e mulleres.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Hai uns días, o Instituto da Cinematografía e as Artes Audiovisuais recoñeceu a longametraxe documental 'Nación', dirixida pola catedrática da USC Margarita Ledo, como película ‘Especialmente recomendada para o fomento da igualdade de xénero’ do Ministerio de Cultura e Deporte ao promover a eliminación de prexuízos.

Mulleres traballando nos Talleres Alonarti
Mulleres traballando nos Talleres Alonarti | Fonte: José Gil, 1928

‘Nación’ reivindica a loita obreira dende o punto de vista das mulleres, tendo en conta as implicacións que supuxo a súa incorporación á forza de traballo, en tempos convulsos para o sector fabril a través das enérxicas mulleres da fábrica de cerámica da Pontesa.

En declaracións a Galicia Confidencial, a cineasta contou de onde xurdiu a necesidade de crear unha produción audiovisual que relatase a vida destas mulleres. "No ano 2001, coa fábrica xa pechada, pasei diante dela e mirei un ghalpón onde os e as traballadoras puñan á venda restos da produción de louza. A imaxe era abraiante: o lugar onde traballaran durante 40 anos, a fábrica que fora icona da bisbarra. Nunca esquecín aquel encontro accidental e, ao pensar en filmar as mulleres da miña xeración, emerxeron elas".

MULLERES ORGANIZADAS LOITANDO POLOS SEUS DEREITOS 

Ledo relata en 'Nación' dunha forma fiel e axustada como rapazas de 14 anos entraron na fábrica da Pontesa e comezaron a desenvolver relacións de amizade entre elas ata o punto de que "organízanse e establecen unha comunidade de intereses e de afectos a través da que van reivindicando melloras que teñen a ver coas condicións laborais, pero tamén cos coidados", destaca Margarita.

Mulleres actuando para a filme Nación
Mulleres actuando para a filme Nación | Fonte: nacion-film.gal

Ademais, a cineasta intenta destruír os estereotipos mediante a direción dunha película na que a protagonista realiza oficios dos considerados 'masculinos': "Vemos a través do corpo e da experiencia das mulleres en troques de facer delas corpos para ser mirados; activamos e damos unha alternativa ao modo no que fomos representadas e represaliadas, condenadas ao silencio, recluidas na categoría de 'case xente', de histéricas", sostén a catedrática.

"MUDANZA PROFUNDA DAS MENTALIDADES"

Por outra banda, esta é unha largometraxe na que se defende o papel das mulleres traballadoras na loita feminista, así como esixe unha reflexión e crítica sobre a sociedade actual, na que todavía non se alcanzou o fin da desigualdade entre homes e mulleres.

"Na sociedade ten que se producir unha mudanza profunda das mentalidades e deixar de considerar o home como clase A e a muller como B. A fenda é cada vez máis profunda e a política institucional -no ámbito de Igualdade, no educativo ou no laboral- ten moito a ver con isto".

Amais, a isto suma a denuncia de carencia de programas públicos sobre coidados e conciliación, "que coa pandemia, someteu moito máis ás mulleres a condicións de explotación extrema". E relaciona a desigualdade de xénero coa pobreza á que están sumidas moitas mulleres en Galicia: "A cifras son de escándalo: 1 de cada 4 mulleres vive por baixo do limiar de pobreza, é o 60 por cento da poboación perceptora do RISGA", sentencia Margarita Ledo.

Muller actuando para a filme Nación
Muller actuando para a filme Nación | Fonte: nacion-film.gal
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 anonimo

Pois si. o comentario sona bastante reseso.

1 DonPimpón

"Hai que deixar de considerar o home como clase A e á muller como B" dirás na Pontesa. Non xeneralicemos. Os non tan novos que xa pintamos canas non vemos iso xa. Actualmente xuraría que agás excepcións estamos ao memso nivel. ¿En que ano te quedaches Margarita?