Caballero desafía a Feijóo para que explique publicamente a vacinación "irregular" da alcaldesa de Boimorto

O secretario xeral do PSdeG tamén acusou a Núñez Feijóo de "maquillar os datos" para "non recoñecer" que as UCIs están "ocupadas por encima do 60% no sistema público" e que seguen en aumento.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2021 | Actualizada ás 18:19

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou ao presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, ha comparecer publicamente para dar explicacións e pedir "responsabilidades políticas" á alcaldesa de Boimorto, vacinada tras acceder "de forma irregular a unha dose da vacina".

Caballero lembrou as palabras de Nuñez Feijóo esta mesma semana no Parlamento de Galicia de que ningún alcalde do Partido Popular fora vacinado, polo que solicita que responda ante estes feitos e que garanta "un proceso de vacinación transparente sen irregularidades, no que se apliquen os protocolos e se vacinen ás persoas prioritarias".

Así o trasladou en declaracións aos medios durante unha visita ao Concello ouresán do Carballiño onde tamén trasladou a súa preocupación polo incremento de camas ocupadas nas UCIS e acusou a Núñez Feijóo de "maquillar os datos" para "non recoñecer" que están "ocupadas por encima do 60% no sistema público" e que seguen en aumento.

Caballero explicou que o Goberno Autonómico "dá a porcentaxe" ocupacional en referencia ao número que "podería haber en Galicia", no que inclúen hospitais privados e camas que non están instaladas, pero "o certo é que hai áreas sanitarias onde as UCIS están completamente saturadas".

Como exemplo manifestou a situación do Concello de Ferrol, "onde están a desprazar a enfermos críticos a outros hospitais" e puxo o foco de alarma na presión asistencial "nas áreas sanitarias de Santiago e Ourense". Deste xeito apuntou a Feijóo asegurando que "ten que deixar os debates estériles" sobre máscaras ou toques de queda "que pertencen ás recomendacións do Comité clínico e actuar sen estar de brazos cruzados".

UN EXEMPLO

Caballero visitou este venres o municipio do Carballiño xunto co seu alcalde, Francisco Fumega, para coñecer as necesidades da localidade debido á pandemia. Neste sentido destacou o traballo do Concello subliñando que "é un exemplo para toda Galicia na xestión fronte ao covid-19".

Gonzalo Caballero destacou que o municipio dedicou "máis dun millón de euros" para a crise sanitaria e investiu 600.000 euros "só en axudas a autónomos, hostalaría e pequeno comercio" ademais de "200.000 euros para o comercio local e 60.000 para incentivar a actividade económica a través das redes sociais".

Así pois, defendeu que o rexedor municipal, Francisco Fumega, "estivo á altura das circunstancias" nun momento moi complexo e comprometeuse a defender as demandas realizadas no Concello ante as distintas administracións, como a modernización do centro de saúde que xa foi aprobada no Parlamento de Galicia.

Pola súa banda, o rexedor municipal apostou pola necesidade de crear axudas que "vaian máis aló" do sector da hostalaría porque "hai outros negocios que tamén se viron afectados o peche e pola realidade da crise".

Gonzalo Caballero no Carballiño. PSDEG
Gonzalo Caballero no Carballiño. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta