Máis da metade dos citados na Coruña no primeiro día de cribado masivo para a covid-19 non asistiron

A participación en Vigo quedou no 64% e en Santiago no 68%.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 31/01/2021 | Actualizada ás 20:02

Comparte esta noticia

Máis da metade dos coruñeses citados a participar no primeiro día de cribado que se desenvolverá durante os próximos días en Expocoruña non acudiron a realizarse a proba ao recinto herculino. Segundo datos facilitados este domingo pola área sanitaria, só 2.481 das 5.286 persoas (47%) que estaban chamadas durante a xornada do sábado presentáronse á cita.

Dispositivo de cribado masivo para detectar casos asintomáticos de coronavirus na Coruña
Dispositivo de cribado masivo para detectar casos asintomáticos de coronavirus na Coruña | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

En total foron descubertos 8 casos positivos, o que supón só o 0,3% das case 2.500 probas practicadas. O cribado continúa este domingo e farao durante os próximos días, nos que se prevé chegar a máis de 140.000 persoas en Galicia.

A participación foi máis alta nos outros dous grandes cribados que teñen lugar estes días nas cidades galegas. En Santiago, durante o sábado acudiron o 68% dos chamados nun cribado orientado a persoas de entre 41 e 44 anos de idade que convocou a 9.000 veciños da cidade a someterse á proba no recinto feiral de Amio.

En Vigo a participación foi catro puntos menor que na capital galega. Das 6.100 persoas citadas, 3.900 acudiron á chamada (64%), de entre as cales detectéronse cinco positivos por covid-19.

Ademais, tamén tiveron lugar outros chamamentos masivos nas últimas horas, como o desenvolvido en Silleda, que se pechou cun 71% de participación e catro positivos.

No Carballiño, durante a mañá deste domingo acudiron 638 dos 1.000 veciños convocados (64%) a realizarse test de antíxenos, que revelaron cinco positivos asintomáticos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta