Casado: "Feijóo e Ayuso están a facelo exactamente igual na xestión da pandemia"

O líder do PP acusa a Sánchez de "quitarse do medio" na terceira onda cando "hai xa unha hecatombe social e sanitaria".

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 01/02/2021 | Actualizada ás 13:04

Comparte esta noticia

O líder do PP, Pablo Casado, asegurou este luns que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a súa homóloga na Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, "están a facelo exactamente igual" na xestión da pandemia e engadiu que os "criterios son os da OMS". Ademais, subliñou que o hospital Zendal aberto en Madrid permitiu que haxa máis hospitalización.

Casado insistiu en que o Goberno de España é o competente en materia de pandemias e debe haber unha estratexia nacional. "Pero o Goberno quitouse do medio. Na terceira onda, o único que fixo Sánchez é ensinar as vacinas e porlle un adhesivo", denunciou.

Ademais, afirmou que o "trifunfalismo" do Goberno "tamén lle preocupa" porque, á parte "dos 90.000 falecidos", hai "cinco millóns de persoas en España que non poden traballar polos estragos da pandemia".

CRITICA QUE SIMÓN SIGA NO SEU CARGO

Neste punto, fixo fincapé en que a "desidia" que está a exhibir Sánchez "non é responsable" e avisoulle que por "tapar a realidade" e "ocultar" as cifras de mortos e contaxios "non se resolven os problemas".

"Creo que este Goberno tivo unha actitude moi irresponsable, pero non só Sánchez, tamén Illa e Fernando Simón, que non sei que fai no seu cargo", asegurou, en relación co director do Centro de Alertas e Emerxencias Sanitarias.

A VACINACIÓN DE POLÍTICOS

Ao ser preguntado se cre que o Goberno debería vacinarse, Casado remitiuse ao que estableza o protocolo elaborado por expertos e sinalou que se non o recolle, non deben facelo. Ademais, defendeu a dimisión dos políticos que se vacinaron de forma indebida ao non pertencer aos grupos de risco, algo que non fixo a alcaldesa de Boimorto, elixida baixo as siglas do PP.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo e a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso. Eduardo Parra - Europa Press
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo e a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso. Eduardo Parra - Europa Press

ALMEIDA VE A XESTIÓN DE AYUSO E FEIJÓO DIFERENTES

O portavoz nacional do PP, José Luís Martínez-Almeida, defendeu este luns que os escenarios de Galicia e Madrid en pandemia "son diferentes", aínda que eloxiou o labor de todos os presidentes autónomicos na xestión da mesma.

Así se manifestou desde Cibeles o tamén alcalde de Madrid despois de que onte o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, manifestase que "non se sentiría responsable" se tivese que aplicar en Galicia as medidas contra a pandemia aprobadas na Comunidade de Madrid, onde a hostalaría continúa aberta.

Martínez-Almeida asegurou que as medidas de Galicia "son adecuadas ao feito de que é Galicia, e que o escenario de Galicia é diferente ao de Madrid", aínda que só sexa desde o punto de vista demográfico. "Sempre defendín que poden adoptar medidas diferentes, pola súa situación social, demográfico", apostilou.

A continuación transmitiu "un eloxio aos presidentes das comunidades autónomas" pola súa xestión, pois non lle gustaría estar na súa pel durante a pandemia, e deles destacou que "fan esforzo tremendo, con maior ou menor acerto, pero con dedicación e loita incesante".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta