A folga xeral en Ferrolterra atrásase ao 10 de marzo ante as restricións da pandemia

O paro estaba convocado polas centrais sindicais UGT, CCOO e CIG debido á situación que está pasando a comarca debido ao peche de industrias e falta de carga de traballo no naval.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/02/2021 | Actualizada ás 19:08

Comparte esta noticia

Os sindicatos CIG, CC.OO. e UGT decidiron aprazar do 25 febreiro ao 10 de marzo a folga xeral convocada en Ferrolterra ante as restricións pola pandemia. Esta folga convócase pola situación que atravesa todo o norte da provincia da Coruña, co anuncio de peche da central térmica de Endesa nas Pontes, a clausura da planta de Siemens Gamesa nas Somozas, ademais da falta de carga de traballo no sector naval, máis concretamente no estaleiro de Navantia Ferrol.

O cambio prodúcese "pola situación sanitaria actual, debido á pandemia", detallou José Antonio Díaz, secretario comarcal de UGT, quen apela "ao sentido e á responsabilidade". Na xornada do 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, sairán en manifestación ao mediodía desde a avenida Nicasio Pérez, no polígono da Gándara, para seguir pola estrada de Castela e finalización en Porta Nova. "É unha mobilización necesaria dada a situación que temos na comarca, onde o único que estamos a facer é perder traballadores, perder empresas e perder a sociedade", explicou.

DÍA DÁ CLASE TRABALLADORA GALEGA

Pola súa banda, o secretario comarcal da CIG, Manel Grandal, asegurou que "cambiar de data esta mobilización non foi unha decisión fácil, xa que os acontecementos negativos van de maneira galopante nestas comarcas". Así, chama á participación o 10 de marzo "tanto na folga como na mobilización, para que ambas sexan un éxito".

O portavoz do sindicato nacionalista lamentou a "verdadeira fervenza de desgrazas" que se viven no sectores industrial e servizos. Lembra a situación que atravesan os traballadores de Endesa, Siemens Gamesa, Navantia e Galicia Téxtil, ademais dos operarios das empresas auxiliares do tres primeiras.

Grandal aseverou que "o 10 de marzo é unha data de conmemoración, non de celebración, da morte dos compañeiros Amador e Daniel, pero tamén da loita obreira". "No ano 1972 pedíase xustiza social, o mesmo que nós tamén agora reclamamos", afirma.

NOVOS DESPEDIMENTOS

Por parte de CC.OO., o seu secretario comarcal, Santiago Díaz, destacou que no caso de Navantia Ferrol, "se non aparece carga de traballo nestes días, no mes de marzo, poida que outros 700 traballadores da industria auxiliar acaben despedidos".

Urxe a tomar medidas e a saír á rúa o 10 de marzo. "Contamos co apoio dos 20 alcaldes das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, e co tres asociacións de empresarios máis importantes da zona, porque eles tamén están moi afectados", agrega.

Díaz reclamou ás administracións públicas "dotar de carga de traballo a Navantia", así como "a transformación enerxética cunha transición xusta, algo que non se fixo nin se está facendo". Para finalizar dixo que Ferrol é "a única zona de costa de Galicia que leva perdendo poboación durante os últimos 30 anos, todo motivado sempre polo mesmo: a falta de traballo para os que aquí nacen, e aos que só lles queda o camiño da emigración".

Transportistas de carbón bloquean as saídas da central térmica de Endesa nas Pontes de García Rodríguez (A Coruña)
Transportistas de carbón bloquean as saídas da central térmica de Endesa nas Pontes de García Rodríguez (A Coruña) | Fonte: Arquivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta