O CHUAC, sen camas de UCI libres: “non sei que vai pasar nos próximos días”

Sanitarios do CHUAC aseguran que o hospital destina pacientes covid aos quirófanos ante a "saturación" das UCI. A CIG cifra nun 150% a ocupación e desminte o "50% que defende a Xunta", á que acusa de "manipular os datos".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2021 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

O Complexo Hospitalario Universitario da Coruña continúa en situación límite. O incrementos dos casos activos sufrido por Galicia ata hai uns días vén de se traducir nun aumento da presión hospitalaria, aínda vixente, que, no caso da área sanitaria da Coruña, podería estar a poñer en serias dificultades a capacidade de resposta dos seus hospitais. E é que cada vez son máis as voces que falan directamente de "colapso" no CHUAC.

Unha das UCIs do CHUAC, sobre o que actualmente penden denuncias de 'colapso'
Unha das UCIs do CHUAC, sobre o que actualmente penden denuncias de 'colapso' | Fonte: remitida

A primeira mostra de que o hospital coruñés estaba a atravesar serios problemas chegou en forma de vídeo. Galicia Confidencial puido acceder a unha gravación da semana pasada --“xoves ou venres”-- na que se aprecia a unha xefa de planta dando un mala noticia aos sanitarios das súas quendas: haberá que reforzar unha UCI para que a cousa non estale. “Non é momento de cabrearnos”, subliña a sanitaria falando ante a multitude antes de apuntar claramente: “non hai xente”.

A falta de persoal acusada neste vídeo non é o único problema que atravesa o CHUAC. De acordo con fontes sanitarias e de CIG-Saúde, o clínico tería xa todas as súas camas de UCI ocupadas. Dende a CIG van máis alá e cifran en máis do 150% a ocupación total de críticos. Pero, como pode estar por riba do 100? Porque, segundo explican dende o sindicato, o hospital está comezando a destinar a pacientes críticos de covid a camas de quirófano ante a saturación das UCI.

"SITUACIÓN LÍMITE"

"Na UCI só quedan 8 camas e cada día entran 14 pacientes", explicaba unha sanitaria hai unhas xornadas

Este remendo, que de acordo co sindicato leva en funcionamento dende os días "26 ou 27" do pasado mes de xaneiro, encaixa coa denuncia doutra sanitaria do complexo. Esta traballadora, que prefire permanecer no anonimato, asegura que non quedan camas UCI libres "dende hai días". "Non sei que vai pasar", sinala en referencia ás próximas xornadas, nas que o número de ingresos, agás cambio de tendencia, seguirá á alza.

A "situación límite" testemuñada por esta sanitaria non se viu solventada, con todo, polo recurso dos quirófanos, que, para a CIG, non poden ser considerados unha UCI, aínda que teñan respiradores. A resposta da dirección permitiu aloxar nestas camas sen uso --a costa de adiar cirurxías-- a pacientes covid, pero nas últimas xornadas a pantasma do colapso ameaza con caer tamén sobre elas.

Cando menos iso é o que se destila do vídeo anteriormente referido, no que a xa nomeada supervisora de planta chama a atención sobre a difícil situación da "UCI Z", nome recibido por esa unidade ampliada. "Alí só quedan 8 camas", subliña a muller ante os seus compañeiros, aos que lles lembra que “levamos 14 ou 15 ingresos diarios”. “Non penso que vaian chegar. A fin de semana prevese moi dura”, engade.

"MANIPULACIÓN DOS DATOS"

Aínda que, polo momento, o CHUAC mantense a frote grazas ás camas desa UCI Z --segundo a CIG quedan aínda libres-- xa ninguén agocha que se trata dunha "situación límite". Por esta razón, o sindicato vén de cargar contra Consellería de Sanidade, á que acusan de "negar" e "obviar" a difícil situación do complexo compostelán. En concreto, dende a CIG afean a Sanidade que estea a "manipular"  os datos. "Recoñezan que o CHUAC está en estado crítico", apelan.

Nesta circunstancia, a CIG destaca o feito de que o órgano dependente da Xunta tan só cifra nun 50% a ocupación das UCI. Esta proporción, discordante cos testemuños ofrecidos polos sanitarios, débese a que, de acordo con Lucía Pose, Sanidade ten tamén en conta esas amplicacións de cuestionada calidade. Para a CIG, a proporción é moito maior: “a ocupación real das UCI supera o 150%”, explican, desmentindo así esa proporción do 50% que, din, segue a soster a Xunta.

Esta circunstancia deixa ao hospital en territorio descoñecido ante a posibilidade de que os ingresos que se veñen producindo nas últimas xornadas continúen máis adiante. A sanitaria consultada, que defende a xestión dos superiores --“se non hai xente non se pode facer moito”-- asegura que a resposta do clínico vai “día a día: “non sei que vai a pasar”, explica a respecto da situación da semana que entra.

CRÍTICAS Á XERENCIA

A Xerencia coruñesa si vén de recibir críticas da banda dos sindicatos, como xa aconteceu no caso doutras áreas en dificultades, como a ferrolá. A CIG carga con forza, neste aspecto, contra os superiores do hospital, aos que acusa de “non facer ningún esforzo” durante “o tempo que baixou a incidencia” no tocante á actual deficiencia de persoal. A denuncia é paralela á formulada polos traballadores da UCI da Coruña nas últimas semanas.

Sen se pronunciar a respecto destes apelativos, o certo é que da man do colectivo sanitario tamén se aprecia a tensión propia dun momento límite. No vídeo accedido por Galicia Confidencial, as malas previsións de cara a esa fin de semana de récord viñan acompañadas dunha funesta posibilidade: “modificar as ratios de enfermería”, é dicir, reducir o número de traballadores por paciente. Aínda que se trataría dun “último recurso”, a porta queda aberta: “isto é a guerra".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 lamentable....

É moi triste ver como se desfai todo esto.... é moi triste... temos uns dirixentes políticos insoportables... é moi lamentable.... verdadeiramente da moito as co....