A Xunta di que Galicia resiste económicamente á covid-19, contra a opinión de empresarios, sindicatos e autónomos

Os sindicatos advirten de "precariedade" e de que a afiliación "continúa en caída libre" en Galicia. Autónomos lamentan o "duro golpe" á afiliación e empresarios avisan dunha situación aínda "preocupante".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/02/2021 | Actualizada ás 12:17

Comparte esta noticia

A Xunta destaca que Galicia lidera a caída do paro no estado e rexistra un aumento da contratación indefinida con respecto a decembro. Con todo, e a pesar de baixar un 1,9%, o total de desempregados na comunidade galega sitúase en 185.984, que son 18.229 máis que ao comezo do ano pasado

A través dun comunicado de prensa, a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, destacou que na comunidade galega contabilízase menos desemprego que ao comezo da pandemia, en concreto, un 2,95% menos que en abril. Tamén valora que baixou nas sete grandes cidades, nos principais sectores económicos e nos colectivos "prioritarios" para a Xunta: mulleres, menores de 30 anos, maiores de 44 e parados de longa duración.

Ademais, reivindicou que o emprego "de calidade" crece ao incrementarse a contratación a tempo completo nun 8,5%, de acordo cos seus datos. Na súa opinión, o mercado laboral galego "está a resistir" á covid-19 "grazas á estabilidade de Galicia" e sinalou que a Xunta traballa "coa maior dilixencia posible" para dotar de apoios económicos aos sectores "que peor o están pasando" para manter o emprego.

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado. CONCHI PAZ
A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado. CONCHI PAZ | Fonte: Europa Press

SINDICATOS

Pola súa banda, os sindicatos advirten da "precariedade" do mercado laboral galego ante a crise da covid-19 e avisan de que a afiliación á Seguridade Social "continúa en caída libre".

Por mor dos datos do paro rexistrado en xaneiro, a CIG alerta da perda de ocupación e a "grave" caída da poboación activa, que en Galicia, subliña, "afectou fundamentalmente as mulleres". Pola súa banda, UGT incide en que o incremento do paro interanual (respecto de xaneiro de 2020) en Galicia "achégao aos niveis da crise anterior".

Acollendo con cautela os datos de xaneiro, CC.OO. mostra "preocupación" polo impacto da situación sanitaria e, respecto diso, o seu responsable de emprego, Maica Bouza, destaca que o dato de cotizantes está agora "moi por baixo do nivel existente antes da crise de 2008".

AUTÓNOMOS

A Asociación Galega de Traballadores Autónomos e do Mar lamenta o "duro golpe" á afiliación deste colectivo tras a "estrepitosa caída" dos datos en xaneiro.

Galicia, en concreto, contabilizou en decembro un total de 207.856 afiliados, e pasou a 207.020 no mes de xaneiro de 2021, o que supón un descenso na afiliación de 836 autónomos.

Pola súa banda, a Confederación de Empresarios de Ourense sinala, que, pese ao descenso do paro, a situación "segue sendo perentoria e preocupante en determinados sectores da economía que ven imposibilitados total ou parcialmente para levar a cabo a súa actividade".

"A baixada do desemprego en Galicia e Ourense, aínda que positiva, dáse en comparacións mensuais, pois a variación interanual arroxa aumentos do 10,87% para Galicia e do 12,31% para Ourense desde xaneiro de 2020", subliña.

Con todo, ao seu xuízo, a prórroga dos ERTE "está a contribuír a paliar a destrución de emprego e tecido produtivo", aínda que "a administración tan lenta da vacina fai prever que as ondas de contaxio continuarán aínda ao longo deste ano". "Por iso é importante articular canto antes os rescates dos sectores máis afectados", resalta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta