O xulgado máis saturado de Galicia contará cunha oficina de tutelas para aliviar traballo

É o xulgado de Familia de Ourense que contará con este novo departamento logo dunha decisión do TSXG.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2021 | Actualizada ás 15:51

Comparte esta noticia

A Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acordou crear unha oficina de tutelas e internamentos en Ourense para tratar de aliviar a carga do traballo do Xulgado de Primeira Instancia Número 6 especializado en familia. En concreto, este é o xulgado máis saturado de Galicia, segundo o presidente do TSXG, José María Gómez e Díaz-Castroverde.

Esta medida foi unha das propostas baralladas o pasado 21 de xaneiro cando o presidente do alto tribuntal galego visitou os tribunais ourensáns. Alí, avogou por "buscar fórmulas eficaces e consensuadas" para tratar de pór remedio a esta situación, entre elas especializar un xulgado máis de primeira instancia ou a creación da oficina para o control de tutelas e seguimento dos internamentos. Finalmente, foi esta última a proposta aprobada pola Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza, que será pioneira na comunidade.

A creación xa fora exposta o pasado 29 de outubro pola xunta sectorial de xuíces da localidade co obxectivo de que asuma o control destes internamentos. O volume xerado por este tipo de expedientes no parque xudicial de Ourense, e os trastornos que iso xera debido ao seu seguimento nas oficinas co trámite ordinario, foi un dos principais motivos argumentados polo titular do xulgado de familia na reunión co presidente do TSXG para explicar a situación do órgano xudicial.

AS RESIDENCIAS INCREMENTAN O TRABALLO

Ademais, a cantidade de residencias da terceira idade de Ourense e os seus usuarios maiores con capacidades deterioradas incrementa o traballo do xulgado, que debe vixiar a legalidade dos ingresos forzosos.

Deste xeito, esta medida chega despois de que en 2020 a anterior proposta polo Tribunal Superior de Xustiza --a repartición dos internamentos non voluntarios entre o resto xulgados de instancia-- non chegase a porse en marcha cando dous xuíces recorreron ante o Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ).

REFORZOS

Xunto á posta en marcha deste novo servizo, o CGPJ tamén aprobou a renovación ata o próximo 30 de xuño da comisión de servizo que desempeña como reforzo o maxistrado Luís Doval no Xulgado de Primeira Instancia Número 6 de Ourense.

Así mesmo, o Tribunal Superior, dentro as medidas implementadas para a resposta á alta dependencia deste órgano, acordou pór como reforzo a un do tres xuíces da 70ª promoción da Escola Xudicial destinados á provincia de Ourense entre os meses de marzo e agosto.

O encargado da constitución do Plan de actuación de reforzos de xuíces e oficina, que se aplicará nos Xulgados de Primeira Instancia da localidade, é o actual presidente da Audiencia Provincial, Antonio Piña Alonso, que foi designado pola Sala de Goberno.

Sede TSXG. EUROPA PRESS - Arquivo
Sede TSXG. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta