As axencias de viaxes estarán na convocatoria de axudas do Concello de Santiago para sectores afectados pola covid

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade empezou a traballar nunha "potente" campaña de publicidade que se porá en marcha no momento en que o permita a pandemia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2021 | Actualizada ás 17:42

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado polo concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, mantivo este martes un encontro cos representantes da Asociación Galega de Axencias de Viaxes (Agavi) co obxecto de escoitar as demandas do sector, que se está vendo especialmente prexudicado polas medidas restritivas da mobilidade adoptadas para frear a pandemia.

Co obxectivo de facer fronte a esta situación, os xestores de axencias de viaxes solicitaron ser incluídos na convocatoria de axudas aos sectores máis afectados pola crise que o Concello de Santiago sacará entre os meses de marzo e abril por un montante de 2,5 millóns de euros. Sánchez Bugallo confirmoulles que poderán optar a elas.

Ademais, Agavi presentou ao rexedor e ao concelleiro de Turismo as liñas nas que están traballando na actualidade e pediron colaborar con Turismo de Santiago na promoción turística da cidade, na organización de eventos e tamén no relativo ás rutas aéreas e ao Plan de Sustentabilidade Turística e de calidade en destinos turísticos. Sánchez Bugallo comprometeuse a estudar a maneira de articular esa colaboración a través de Incolsa.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. CONCELLO DE SANTIAGO
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. CONCELLO DE SANTIAGO

CIDADES PATRIMONIO DA HUMANIDADE

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade empezou a traballar nunha "potente" campaña de publicidade que se porá en marcha no momento en que o permita a pandemia, segundo explicou o presidente do Grupo de Cidades, Antonio Rodríguez Osuna, tras a reunión da Comisión de Turismo celebrada de forma telemática.

"Imos desenvolver campañas de promoción turística a partir dos meses de maio e xuño e imos dedicar todos os nosos esforzos a tentar que, unha vez que pase o peor da pandemia, esteamos preparados con iniciativas e con capacidade de ofertar o mellor das nosas cidades ao turismo nacional e internacional", explicou, segundo informou o Grupo en nota de prensa.

Rodríguez Osuna explicou que "a Comisión de Turismo coñeceu o resultado do estudo da estratexia post covid que as 15 Cidades contrataron a través dunha consultora co apoio do Goberno de España", sinalando que estes resultados van ser analizados polos seus técnicos de turismo e concelleiros para, nunha posterior Asemblea de Alcaldes e Alcaldesas que se vai a celebrar en Madrid coa ministra de Turismo, dar a coñecer os resultados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta