A Biblioteca de Verín adáptase aos novos tempos espallando cultura con sete videoconferencias

A Biblioteca Municipal adapta a súa programación á actual situación sanitaria para ofrecer sete videoconferencias, de gran interese e temáticas variadas, entre os meses de febreiro e xuño deste ano. Tamén poñerán a disposición do centros escolares da vila visitas virtuais polas súas instalacións.

Por X.M. Fernández | Verín | 04/02/2021 | Actualizada ás 09:55

Comparte esta noticia

A Covid-19 non freará as iniciativas culturais da Biblioteca Municipal de Verín. Para sortear as dificultades actuais vén de anunciar unha interesante iniciativa, conferencias online. Serán un total de sete, con protagonistas de gran nivel e temática variada.

Programación
Programación | Fonte: Conferenciantes

Estas charlas terán como primeiro público aos alumnos e alumnas de centros escolares da vila, impartiranse en horario matinal e terán unha duración duns 30 minutos. Posteriormente, as charlas estarán a disposición do público xeral na canle oficial de youtube da Biblioteca.

"Tras a suspensión de todos os actos presenciais previstos como consecuencia da pandemia do Covid-19", explicou Emilia Somoza, concelleira de Educación, Festexos e Cultura, "seguimos buscando fórmulas alternativas para manter a actividade cultural na nosa vila. Entendemos que nestes  difíciles momentos, nos que todos estamos obrigados a permanecer tantas horas nos nosos fogares necesitamos -máis que nunca- buscar proxectos atraentes que usen as plataforma dixitais e que cheguen á cidadanía dunha maneira totalmente segura".

Visitas virtuais á Biblioteca para os centros escolares

Ademais destas conferencias temáticas, os responsables da Biblioteca Municipal tamén ofrecerán aos centros escolares verineses a posibilidade de realizar unha visita guiada polas súas instalacións, explicando os fondos cos que contan así coma os distintos traballos e o valor que teñen as Biblioteca na vida das persoas.

Biblioteca Municipal de Verín. Foto: XMF
Biblioteca Municipal de Verín. Foto: XMF

PROGRAMACIÓN DE VIDEOCONFERENCIAS 

9 Febreiro: Miguel Losada (Escritor e Secretario da Soc. Antropolóxica Galega): "Cigarróns do oeste: Traxes, zamarras e pistolas".

3 Marzo: Toti Martínez de Lezea (Escritora): "O outro Camiño de Santiago". Análise de como era realmente o Camiño de Santiago dende antigo, antes da súa maior difusión pola relixión cristiá.

7 Abril: Víctor Freixanes (Presidente da Real Academia Galega) e Montse Pena Presas (Profesora USC, Biógrafa de Xela Arias e crítica literaria): "Letras Galegas 2021: Xela Arias".

30 Abril: Francisco Narla (Escritor): "Escribir o pasado. Contar historia na narrativa; Presentación da última novela: "Fierro".

Novela Negra/Misterio

7 Maio: Domingo Villar (Escritor e xornalista): "De ollos de auga ata o Último barco: A serie de Leo Caldas".

21 Maio: Ledicia Costas (Escritora e Avogada): Presentación do libro Infamia.

3 Xuño: Eva Mejuto (Escritora): Presentación do libro "Memorias do silencio". (Finalista Premios da Crítica de Galicia).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta