Os viticultores galegos reclaman un mellor reparto das axudas para o sector

Indican que "é bo lembrar que non é só unha cuestión de supervivencia económica" xa que as viñas "tamén son un punto importante na conservación do territorio e a fixación de poboación nun rural".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2021 | Actualizada ás 14:50

Comparte esta noticia

A Asociación Galega de Viticultura reclamou este xoves á Consellería de Medio Rural que defenda ante o Ministerio de Agricultura a reorientación dos fondos do Programa de Apoio ao Sector Vitivinícola Español (PASVE) para que poidan chegar ás explotacións vitícolas, que son a base do sector, e que se reaxuste a medida da promoción en terceiros países para incluír tamén campañas a nivel interno e europeo ás que poidan ter acceso as adegas pequenas e medianas.

Segundo explicaron nun comunicado, cun 4% menos de fondos, a causa do recorte orzamentario da nova PAC, e en tempos de crises, os viticultores galegos consideran "fundamental" que "se faga chegar parte dos fondos aos puntos máis débiles do sector": as persoas viticultoras e as adegas pequenas e medianas. "É bo lembrar que non é só unha cuestión de supervivencia económica, xa que estes tamén son un punto importante na conservación do territorio e a fixación de poboación nun rural", lembran.

A asociación tamén considera que é "competencia e responsabilidade" de Medio Rural "habilitar os mecanismos necesarios que permitan un maior acceso dos distintos axentes do sector vitivinícola galego aos fondos do PASVE".

Segundo datos do Fondo Español de Garantía Agraria, entre outubro do 2019 e outubro do 2020 fíxose un total de pagos de 212,7 millóns de euros ao sector vitivinícola do estado español, dos cales só chegaron ao sector galego 2,4 millóns, un 1,1%. "Con este volume de inxección de fondos pouco dinamismo pódeselle dar a un sector", lamentan.

Viños galegos
Viños galegos

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta