O investimento en obra pública en Galicia aumentou máis dun 8% no ano da covid

Xunta, concellos, Estado e universidades investiron case 1.000 millóns de euros en obras públicas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/02/2021 | Actualizada ás 12:39

Comparte esta noticia

O investimento en obra pública en Galicia ascendeu a 995,8 millóns de euros ao longo de todo o ano 2020, o que significa un aumento do 8,47% con respecto ao 2019 a pesar da crise do coronavirus, segundo cifras que fixo públicas este venres a Federación Galega da Construción.

De acordo co seu 'Informe de Licitación de Obra Pública 2020', a Xunta foi a principal administración en licitacións, cun total de 398,3 millóns de euros, o 40% do gasto público total na Comunidade; seguida dos concellos, con máis de 269 millóns (o 27,1%); do Estado, con case 236,5 millóns (o 23,7%); as deputacións, con 60,4 millóns (6,1%); e o grupo 'universidades e outros', con máis de 31,4 millóns (3,1%).

Máis aló do peso de cada unha das administracións no investimento en obra, este estudo desvela que todas elas, coa única excepción dos concellos, aumentaron a contía global destinada a este efecto.

Así, entre 2019 e 2020 o gasto do grupo 'universidades e outros' en licitacións creceu un 63,9%; a Xunta fíxoo nun 23,1%; as deputacións nun 13%; e o Estado nun 3,9%. Pola contra, os municipios descenderon o seu investimento en obra pública nun 8,6%. Dos máis de 995 millóns de euros de gasto total en Galicia, o 65,8% --655,6 millóns-- estivo destinado a obras civís, mentres que o 34,2% restante foi edificación --340,2 millóns--.

Por provincias, o investimento das administracións en obras tan só baixou en Ourense, un 33,15%, con máis de 76,7 millóns en 2020 con respecto aos case 115 do ano anterior. Onde máis subiu foi en Lugo, ata os 203,5 millóns (+49,1%), mentres que en Pontevedra creceu ata os case 354,5 millóns (+12,5%) e na Coruña a 361,1 millóns (+2,7%).

Edificios e farois.. XUNTA
Edificios e farois.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta