Educación di que nos centros galegos "non hai transmisión" e constata unha baixada

"A inmensísima maioría de casos proveñen de fóra do ámbito escolar", asegura.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/02/2021 | Actualizada ás 13:16

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, confirmou o descenso "sustentable" observado na cifra de casos de coronavirus nos colexios, institutos e escolas infantís de Galicia. Así, insistiu en que "na inmensísima maioría" de centros "non hai transmisión".

En concreto, o balance feito público este mesmo sábado pola Xunta reflicte que hai 3.609 positivos activos de covid-19 na comunidade educativa galega, polo que esta cifra encadea xa catro días de baixada.

Pregunado respecto diso nunha rolda de prensa tras reunirse en Santiago con representantes de institucións culturais, o conselleiro destacou precisamente que "o máis significativo" son estes descensos consecutivos tras o "incremento exponencial" que houbo tras as vacacións de Nadal.

Disto dedúcese, en palabras de Román Rodríguez, que "a inmensísima maioría de casos" proveñen de fóra do ámbito escolar, "como é coñecido e recoñecido tanto polas autoridades sanitarias como polos propios centros". Ademais, o conselleiro de Educación incidiu en que os colexios son un "espello" da sociedade en canto á situación epidemiolóxica, xa que a incidencia da pandemia evoluciona "igual que o territorio" no que se atopan.

"Os alumnos, os profesores, todos os membros da comunidade educativa non viven nunha burbulla nin nunha illa, viven na sociedade", dixo.

CRIBADOS EN CENTROS

Así mesmo, preguntado polos medios sobre as demandas de asociacións de pais para realizar cribados nos centros, o conselleiro de Educación remitiuse ao que decidan "os sanitarios" en función de "criterios concretos" para cada caso. "Apoiamos toda decisión sanitaria, porque non é unha decisión educativa", recalcou Rodríguez, quen ademais dixo ter "confianza" no que se determine.

Fotos Xunta / Educación /Reunión Comité Educativo.. Xunta de Galicia / Europa Press
Fotos Xunta / Educación /Reunión Comité Educativo.. Xunta de Galicia / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta