G. Caballero: "O PP ten un problema de corrupción evidente en España e en Galicia"

Critica a Feijóo por "poñerse de perfil" ante a corrupción do seu partido tras o caso Louzán.

Por E.P. | Miño | 06/02/2021 | Actualizada ás 16:29

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou ao presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, a "condenar" publicamente a "corrupción" e o "modelo caciquil" do seu partido nas deputacións que, di, quedou de manifesto coa sentenza pola que foron condenados o expresidente provincial Rafael Louzán e a exalcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro.

En declaracións aos medios en Miño (A Coruña), o responsable socialista censurou que Feijóo "se poña de perfil" ante a "corrupción" do seu partido cando "di que Rajoy non sabía nada dos papeis de Bárcenas" ou na súa reacción á sentenza contra Louzán e a xa exdelegada da Xunta en Pontevedra, que presentou a súa dimisión tras coñecerse o fallo (aínda en primeira instancia) que condena a ambos a dous anos de cárcere e oito anos de inhabilitación por un delito de prevaricación nas obras dun campo de fútbol no municipio de Moraña.

"O PP ten un problema de corrupcion evidente. Teno en España, onde (Pablo) Casado está atrapado polos papeis de Bárcenas e teno aquí en Galicia tamén", sinalou Caballero, que quere escoitar "da súa propia voz" como o presidente galego "condena calquera feito de corrupción" e o "modelo caciquil do PP nas deputacións".

"A historia do PP nas deputacións é a historia do caciquismo", sentenciou Gonzalo Caballero, que censurou que Luisa Piñeiro fose nomeada delegada territorial da Xunta en Pontevedra en setembro cando se atopaba xa imputada polos feitos polos que foi agora condenada xunto co actual presidente da Federación Galega de Fútbol.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, xunto con membros do goberno local de Miño, entre eles o alcalde, Manuel Vázquez Faraldo. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, xunto con membros do goberno local de Miño, entre eles o alcalde, Manuel Vázquez Faraldo. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta