A Xunta e a súa nefasta política de vivenda

A falta de accións públicas por parte da Xunta de Galicia de cara á atención ás persoas sen teito e as inadecuadas políticas de promoción de vivendas sociais ou en alugueiro están deixando ás persoas humildes á beira dun mercado financeiro confuso e carente de calquera control institucional. Deste xeito posibilitouse o negocio máis colosal, lucrativo e fraudulento dos últimos tempos en Galicia: a compra–venda de vivenda nova e usada.

Por Óscar Lomba | Vigo | 02/08/2013

Comparte esta noticia
As consecuencias da presente crise inmobiliaria en Galicia e as desafortunadas políticas de vivenda da Xunta, que non tomou decisións –no marco das súas competencias– para  corrixir as imperfeccións da actual lexislación hipotecaria, contribuíron a dificultar a existencia dos debedores hipotecarios e a facer imposíbel mesmo a súa propia subsistencia.
 
Os poderes públicos permitiron que se esmagase a economía das familias galegas e permaneceron pasivos mentres afundía o conxunto dos sectores populares ao transferirse descomunais recursos públicos para o pagamento da débeda dunhas entidades financeiras que actuaron de xeito irresponsábel ao atesourar e logo dilapidar uns dividendos descomunais derivados do sobreendebedamento de miles de familias humildes.
 
Nos últimos tempos a crise hipotecaria derivada do devandito sobreendebedamento e o desemprego xeneralizado forzaron ao impagamento a numerosas familias e os desafiuzamentos incrementáronse exponencialmente en todas as cidades, vilas e aldeas de Galicia. Fronte a isto, o goberno de Núñez Feijoo non foi quen de arbitrar medida ningunha que fixese fronte as causas da actual crise do sistema hipotecario.
 
A falta dunha lei galega para a protección dos sectores sociais vulnerábeis que auxilie e ampare ás economías domésticas contra a insolvencia familiar e a ausencia de respostas institucionais eficaces que contribúan a frear os desafiuzamentos conduciunos a unha situación insostíbel. É vital para o mercado hipotecario contar cun sistema bancario eficaz e xusto que poida desempeñar funcións de outorgamento de créditos, ofreza os coñecementos especializados necesarios para avaliar a solicitude de préstamo aos prestatarios e no que as institucións recaden e aporten fondos. Tamén sería necesaria unha fiscalización eficaz dos bancos por parte das administracións públicas así como unha divulgación de información financeira clara e transparente para que operen correctamente. Cuestións que aínda non  foron abordadas en Galicia.
 
Eses centos de galegos e galegas que non teñen recursos suficientes para cumprir cos pagamentos da súa hipoteca, e que ademais tampouco poderían afrontar un aluguer se entregasen a súa vivenda, deberían ter algún tipo de saída que lles permitise resolver a súa dramática situación. Entendo que o que corresponde é aplicar a sentenza do Tribunal Europeo de Xustiza por parte dos xuíces para deter os desafiuzamentos en Galicia. Resulta imprescindíbel a presentación inmediata polo conxunto de partidos da oposición dunha proposición de Lei de Vivenda que teña como obxectivo garantir, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e ao amparo das competencias previstas no artigo 27.3 do Estatuto de Autonomía de Galicia, o dereito constitucional a unha vivenda digna e axeitada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Óscar Lomba Óscar Lomba Álvarez (Vigo 1966) Licenciado en Dereito-Económico pola Universidade de Vigo e Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi colaborador de Radio Piratona. Ex-vicepresidente da Cooperativa Árbore. Ten colaborado cos seguintes medios: Coiote, Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, A Peneira, Kalaikia, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Foro Metropolitano, Pensamiento Crítico e Tribuna Socialista. É membro de ESCULCA.