A oposición esixe reunirse con Feijóo ante a súa postura de "brazos caídos" para reactivar Galicia logo da pandemia

"Se queren ir avanzado algunha reunión non teño inconveniente en reunirme se mo piden, pero chámame a atención que non o fixesen e agora denuncien isto", declarou o portavoz parlamentario do PPdeG Pedro Puy.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/02/2021 | Actualizada ás 14:24

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, coincidiron este luns ao demandar unha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para abordar a recuperación económica de Galicia, así como ao urxir que se conclúa a comisión posta en marcha na Cámara galega para abordar este asunto.

En primeiro lugar, nunha roda prensa ofrecida en Pazo do Hórreo, o socialista Gonzalo Caballero asegurou que o Goberno galego "segue de brazos caídos", "sen acción" e "sen estratexia" para reactivar o tecido económico de Galicia.

"Pasan os días e máis aló da política de anuncios, non hai decisións", sostivo nunha intervención na que criticou que aínda non aparecese no Diario Oficial de Galicia (DOG) a ampliación das axudas para os sectores afectados polas restricións sanitarias. Ademais, acusou á Xunta de "pór o cadeado" á comisión parlamentaria sobre a reactivación de Galicia.

Ante estas cuestións e ao considerar que o "PP carece" de orientación, tendeu a "man" ao presidente da Xunta para "pactar a reactivación económica" da comunidade. "Non se pode perder máis tempo", subliñou Gonzalo Caballero, que criticou que, a pesar de que PPdeG e BNG pactaron que esta comisión estaría pechada a principios de 2021, "non houbo avances" nin se está acordando "os grandes proxectos europeos" sobre deberíaos haber "un gran acordo político".

POSTURA DO BNG

Despois de que o secretario xeral do PSdeG solicitase a Feijóo a reunión e preguntada respecto diso, a líder do Bloque lembrou que ela leva "moito tempo" reclamando un encontro entre os líderes das tres forzas políticas representativas de Galicia para falar "como afrontar a pandemia nos dous ámbitos": o sanitario e o económico. Pontón censurou que o presidente da Xunta estea "encapsulado na burbulla de San Caetano", xa que "nin ten un plan de saída" da crise "nin quere aceptar as propostas" da oposición.

Tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou que a comisión leve "máis de mes e medio pechada", o que supón "incumprir os propios prazos previstos" cando os grupos acordaron a súa creación por unanimidade.

"O compromiso era ter as conclusións finalizadas a finais de xaneiro e a día de hoxe o PP nin sequera convocou a comisión para designar o relatorio que ten que elaborar esas conclusións", afeou, para seguidamente pedir aos populares que fixen unha data "de inmediato".

Neste contexto, Ana Pontón lamentou que o Parlamento galego teña xa "antecedentes" en "como o PP utiliza" estes órganos: "É especialista en meter no caixón comisións de estudo e comisións de investigación, pero desde logo cremos que nun tema tan serio e tan importante ese non pode ser o destino desta comisión".

RESPOSTA DO PPDEG

Preguntado pola petición de reunión co máximo mandatario autonómico, Pedro Puy optou por referirse ao "traballo parlamentario" xa que as outras cuestións "van por outra" canle. A este respecto, asegurou que o seu grupo está pendente de recibir a chamada dos grupos da oposición para abordar as cuestións pendentes da comisión polo que asegurou que lle chama a "atención" que BNG e PSdeG pidan a súa finalización "de forma pública".

Tras iso, afirmou que o PPdeG está a traballar nunha proposta de ditame pero sinalou que aínda faltan informes xa que "dos 142 pedidos" chegaran "un total de 126". "Á Xunta pedíronselle 65 e faltan cinco, a entidades externas pedíronselle 29 e faltan nove", indicou.

"Estamos dispostos a empezar a falar no relatorio en canto a oposición teñan a ben porse en contacto connosco", sostivo Puy, que considerou que "as présas" de BNG e PSdeG "non son para esperar a ver que din os colectivos" aos que se lles solicitou informes".

Deste xeito, incidiu en que cando se dispoña de toda a información e se vexa como pode estruturarse no ditame, o PPdeG axilizará o relatorio. "Se queren ir avanzado algunha reunión non teño inconveniente en reunirme se mo piden, pero chámame a atención que non o fixesen e agora denuncien isto", incidiu.

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, en rolda de prensa. PPDEG
O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, en rolda de prensa. PPDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta