Por Europa Press / Redacción | Compostela | 08/02/2021 | Actualizada ás 21:39
As autoridades sanitarias galegas informaron este luns doutras 21 mortes de persoas diagnosticadas con covid-19, o que eleva o cómputo a 1.988 vítimas mortais da pandemia en Galicia. Dos novos falecementos notificados, cinco correspóndense con persoas usuarias de residencias e outra procede das vivendas comunitarias de Urzaiz, en Vigo.
Deste xeito, Sanidade informa dun falecemento que quedou validado e que se produciu o 31 de xaneiro: un home de 87 anos que morreu no seu domicilio en Silleda. Na listaxe de mortes do día 5 de febreiro suman a outro home de 87 anos, que faleceu no seu domicilio en Mondariz.
Xa no día 6, trasládanse tres mortes no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) --un home de 84 anos, unha muller de 88 anos e un home de 85 anos que procedía da residencia San José de Narón--.
No día 7 súmanse os falecementos no CHUF dunha muller de 73 anos, outra de 86 anos, dunha anciá de 97 --que procedía da residencia DomusVi Laraxe (Cabanas)-- e dun home de 56 anos.
Nesa mesma xornada notifícase a morte dunha anciá de 93 perdeu a vida no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), e doutra muller (de 95 anos) que procedía da vivenda comunitaria Urzaiz e que morreu no mesmo centro hospitalario. No Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) faleceron dúas mulleres de 89 anos e outra de 83.
Tamén se fai constar a morte dunha anciá de 92 anos no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), un home de 81 que morreu no seu domicilio en Amoeiro (Ourense), e unha muller de 93 en Cegadi (que procedía da residencia Branco Amor de Boborás).
8 DE FEBREIRO
Finalmente nesta xornada, 8 de febreiro, súmanse catro mortes: unha anciá de 97 anos na residencia DomusVi de Carballo, un home de 82 anos no CHUF, e dous homes no Chuvi, de 81 e 88 anos, respectivamente. As autoridades sanitarias informan de que todos os falecidos tiñan patoloxías previas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.