Por E.P. | A CORUÑA | 09/02/2021 | Actualizada ás 11:24
A Consellería de Sanidade concretará este martes os grupos beneficiarios da vacina de AstraZeneca, en función do que se acorde nesta xornada na Comisión de Saúde Pública.
Así o explicaron a Europa Press desde o departamento autonómico despois de que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzase este luns que a Consellería se expuña a posibilidade de incorporar "algún colectivo en paralelo" aos xa establecidos no plan de vacinación como destinatario das doses de AstraZeneca, que só se poñerá a menores de 55 anos.
Sobre a que colectivos irá destinados, despois da campaña de vacinación en residencias da terceira idade, centros de discapacidade e profesionais sanitarios de primeira liña fronte ao Covid-19, remitíronse á decisión que se acorde na Comisión de Saúde Pública, órgano dependente do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, con partipación do Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas.
"Aí decidiranse os grupos e en base a iso actuarase", precisaron fontes da Consellería de Sanidade, tras a chegada este luns a Galicia de 10.000 vacinas de AstraZeneca. Sobre a vacinación, o conselleiro de Sanidade ratificou o luns que o calendario actual mantense "inalterable" para administrar a segunda dose aos sanitarios de primeira liña e, de forma paralela, comezar coa primeira dose do resto de profesionais da sanidade.
Ademais, confirmou que se mantén a data do 22 de febreiro para iniciar o proceso na poboación maior de 80 anos, o seguinte grupo acordado a nivel estatal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.