A Xunta asegura que inxectou 2,2 millóns a máis de 1.000 profesionais da cultura

En todos os casos trátase de titulares autónomos de negocios ou establecementos do sector.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2021 | Actualizada ás 12:31

Comparte esta noticia

As axudas postas en marcha no marco do primeiro Plan de Rescate da Xunta dirixido a autónomos, microempresas e establecementos hostaleiros chegaron a máis de 1.000 profesionais do sector cultural por un importe superior aos 2,2 millóns de euros.

Diso informou a Consellería de Cultura nun comunicado remitido aos medios, no que detalla que se concederon 1.283 apoios a 1.074 profesionais de diferentes actividades profesionais vinculadas coa cultura. En todos os casos trátase de titulares autónomos de negocios ou establecementos do sector.

Por ámbitos culturais, máis de medio millón de euros destináronse a 431 profesionais das artes escénicas. No ámbito audiovisual, o investimento foi duns 466.000 euros en case 298 axudas. Ademais, beneficiáronse profesionais da exhibición cinematográfica, fotografía, produción e post produción, radiodifusión ou mesmo algún de aluguer e venda de vídeo e discos.

Tamén se outorgaron axudas a case 40 autónomos vinculados á industria musical, en concreto á gravación e edición ou fabricación de instrumentos musicais. Tamén ao sector do libro e edición, con case 200 axudas que ascenderon a máis de 316.000 euros e incluíronse profesionais de comercios de venda de libros e xornais, creadores artísticos e literarios, edición de libros, xornais e revistas, entre outros.

A Xunta destacou que este plan de apoio da Consellería de Emprego supuxo unha inxección directa tamén nos ámbitos do deseño e artes gráficas, con máis de 200 axudas incluíndo a profesionais de actividades de deseño, preimpresión e impresión. O investimento foi neste caso superior aos 420.000 euros.

Do mesmo xeito, tamén foron beneficiarios autónomos de servizos de tradución e interpretación, así como profesionais de salas de espectáculos, entre outros ámbitos.

Teatro Afundación de Vigo
Teatro Afundación de Vigo | Fonte: XdV

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta