Atrasos nas axudas da Xunta: “tiven que pedir un anticipo ao banco para poder pagar o aluguer”

Beneficiarios das prestacións por dependencia denuncian unha demora no pago de certos paquetes de axudas. "Con eses cartos pago o seguro médico do meu fillo dependente", explica unha muller. A Xunta aclara que se debe a un "tema contable" e á entrada dos novos presupostos e que os ingresos chegarán "nos próximos días".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2021 | Actualizada ás 22:15

Comparte esta noticia

As axudas á dependencia da Xunta de Galicia, no punto de mira. Nas últimas xornadas veñen de se multiplicar as denuncias de ducias de beneficiarios de parte destes apoios económicos. A razón? Que, segundo destacan, os ingresos destes apoios seguen sen chegar ás súas contas bancarias malia que os primeiros días do mes van quedando atrás. E algúns xa están a atravesar dificultades para manter a economía familiar a frote.

Feijóo . San Caetano, Santiago de Compostela, 23/07/20.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICI
Feijóo . San Caetano, Santiago de Compostela, 23/07/20.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICI

Esther é unha das persoas que, nos últimos días, non recibiu o importe da axuda da Xunta da que é beneficiaria. "Pagan entre 200 e pico e 400 euros", explica esta nai, que recibe as librazas para coidados no entorno familiar da Consellería de Política Social. Este sería, en particular, o paquete de axudas que non dá chegado ás contas bancarias dos denunciantes: un apoio económico dedicado ás familias cunha persoa dependente que require coidados especiais.

Segundo explica Esther, receptora deste ingreso mensual dende o ano 2009, a demora do pagamento resulta atípica. "O máximo que se retrasaron foi ao día 5 porque puidera coincidir nunha fin de semana", explica. A ausencia deste ingreso está a provocar duras reaccións da banda destas familias que vén comprometida a estabilidade das súas economías: "os grupos de Facebook están que arden", sinala Esther, afectada ela mesma por esta problemática.

PAGAR O ALUGUER

"No meu caso", explica, "é diñeiro que emprego para pagar o seguro médico privado do meu fillo porque o Sergas non lle dá suficiente atención". Esther explica a continuación que dende tal seguro “devolveron o recibo porque na conta non había saldo e tiven que empregar outros fondos para pagar iso. Pero vamos, porque os tiña”, engade. Paralelo é o caso doutra persoa afectada coa que tivo contacto: "falaba cunha amiga que me explicou: 'tiven que pedir un anticipo ao banco para poder pagar o aluguer'".

Tanto Esther como o resto de beneficiarios das libranzas para coidadores non profesionais recibiron, nas últimas xornadas, un correo da Consellería de Política Social na que se recoñecía a tardanza das axudas. De acordo coa comunicación da Xunta, a demora deberíase á "nova aplicación dos presupostos", así como a unha "modificación no sistema informático".

En declaracións ao GC, fontes de Política aseguran que o pagamento terá lugar "nos próximos días"  xa que se soen pagar nos primeiros 10 días de cada mes. "O atraso é de menos dunha semana con respecto ao habitual. Hoxe --polo mércores-- xa empezan a cobrar e nestes días queda todo resolto", apuntan.

Pero os receptores non o teñen tan claro. “Primeiro dixéronnos que tiñan dez días, pero agora xa din que non nos poñamos nerviosas porque teñen todo o mes para pagar e que se temos algún problema que deamos a traca aos servizos sociais municipais", explica Esther. "É dicir, se non tes para comer vas a que cho tramite a traballadora social do concello, e nós xa che daremos a dependencia cando nos pareza”, engade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta