O Parlamento reclama ao Goberno que declare Galicia 'zona altamente dependente da pesca'

O BNG atacou o papel da Xunta e en particular o da conselleira Rosa Quintana, no marco da negociación do Brexit e as súas consecuencias para Galicia.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 10/02/2021 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

A Cámara galega acordou por unanimidade demandar ao Goberno do Estado que leve a cabo os trámites necesarios ante as autoridades europeas para a declaración de Galicia como 'zona altamente dependente da pesca' e, así mesmo, para a revisión do 'principio de estabilidade relativa' de face a unha repartición "equitativa" e "axustada" ás capacidades de cada país.

Así figura na iniciativa que fixo súa o Lexislativo galego a proposta do BNG e que contou co apoio dos outros dous grupos da Cámara, PP e PSOE, nun pleno no que, ademais, tamén saíu adiante outra proposición non de lei dos populares que reclama a "supresión ou modificación substancial" do artigo 18 da lei de cambio climático do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que se atopa en tramitación no Congreso.

Esta última iniciativa foi debatida na sesión plenaria do martes e sometida a votación na mañá deste mércores xunto co resto de proposicións non de lei, dúas delas vinculadas ao mundo marítimo-pesqueiro. A primeira, a dos populares, foi aprobada cos votos do grupo maioritario e do BNG (o PSdeG abstívose) para reclamar ao Estado "diálogo" coa candena mar-industria ante unha modificación lexislativa da Lei de Costas que afecta os prazos de concesión das licenzas para operar nas marxes do litoral.

A segunda, centrada nas consecuencias do acordo do Brexit para a frota galega e que foi debatida xa este mércores a iniciativa do BNG, foi finalmente sometida a votación por puntos. Saíron adiante por unanimidade os dous primeiros, que piden a declaración de Galicia como 'zona altamente dependente da pesca' e a revisión do 'principio de estabilidade relativa'.

A unanimidade rompeu na votación dos outros puntos da proposición, agrupados en dous bloques. O primeiro contou co apoio do PP, ademais do grupo proponiente (o PSOE optou pola abstención), co que a Cámara fixo súa a demanda de reclamar ao Estado que recoñeza a capacidade de Galicia para negociar directamente en cuestións que afecten á súa economía e, en concreto, á pesca; así como expor a elaboración de plans de contigencia e apoio económico ante as consecuencias do Brexit a curto prazo.

O resto da iniciativa quedou finalmente rexeitada pola oposición dos populares, que, en palabras da deputada Teresa Egerique, manifestaron que, coa súa inclusión, o BNG pretendía "meter o papel nacionalista na pesca". Estes puntos (apoiados polo PSOE) solicitaban a inclusión no Consello Galego de Pesca dos grupos políticos con presenza no Parlamento e a articulación dunha comisión na Cámara sobre o acordo do Brexit.

DIMISIÓN DE ROSA QUINTANA

No debate, a encargada de defender a proposición, Rosana Pérez (BNG), afeou o papel xogado pola Xunta no marco da negociación do Brexit e as súas consecuencias para Galicia. "Se vivísemos nun país normal ou tivésemos un goberno normal, a conselleira (Rosa Quintana) comparecería ao día suguiente (do acordo) ou no seguinte pleno", sinalou a parlamentaria.

Tras incidir en que as palabras da conselleira sobre que "había que eliminar mariñeiros" para adaptar a Galicia ao contexto actual deberían supor a súa saída do cargo, Rosana Pérez advertiu que a pesca galega atópase "en modo Brexit" desde a década de 1980. "Habería que eliminar moitas cousas antes que eliminar mariñeiros", apostilou.

Na súa quenda de peche e despois de que a deputada do PP Teresa Egerique verbalizase que o seu grupo non apoiaría a inclusión dos partidos no Consello Galego de Pesca, a deputada nacionalista incidiu en que esta cuestión "non é ningún favor nin ningunha graza" cara aos grupos parlamentarios senón que se trata dun aspecto "recolleito no o propio decreto que regula o funcionamento" de dito órgano.

Pola súa banda, Egerique puxo o acento no papel desenvolvido pola Administración autonómica e afeou ao PSOE que "veña ao Parlamento a desculparse" polos termos do acordo; á vez que censurou que o BNG propoña comisións parlamentarias que "despois saen a criticar".

En nome do PSOE interveu a deputada Patricia Otero, que defendeu a necesidade do acordo a pesar de recoñecer que "non foi bo" para os intereses galegos. "Non nos escoitará dicir que foi un bo acordo, pero si mellor que se non houbese acordo", engadiu a socialista.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, no pleno.. Xunta de Galicia
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, no pleno.. Xunta de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta