O PSde acusa á Xunta de "prevaricación" por permitir a vacinación da delegada de DomusVi

O conselleiro de Sanidade insiste en que todos os que entren en residencias "están ben vacinados".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2021 | Actualizada ás 19:24

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asegurou que o criterio de vacinación do persoal que presta servizos nas residencias "non é a protección da persoa que se vacina, senón dos residentes" polo que se tanto a conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández, como a alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, acoden a estes centros "están ben vacinadas". "Se non entran nas residencias non están ben vacinadas", afirmou.

Así se pronunciou o titular de Sanidade en resposta a senllas preguntas formuladas no pleno da Cámara galega polo deputado do Bloque Xosé Luís Rivas, Mini, e o parlamentario socialista Pablo Arangüena, sobre as vacinacións "irregulares", que acusou á Xunta de "tráfico de influencias".

Na súa intervención, o conselleiro de sanidade sinalou que este criterio de protección dos residentes responde á pauta que marca a estratexia nacional de vacinación e lembrou que en Galicia a primeira vacina foi unha usuaria dunha residencia de Santiago e, o segundo, un cociñeiro deste centro.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Na sesión, o deputado nacionalista Xosé Luís Rivas 'Mini' criticou a conivencia da Xunta coa conselleira delegada de DomusVi e lembrou que, só uns días antes de que transcendese o caso da inmunización da alcaldesa de Boimorto, o propio Feijóo asegurou na Cámara que todos os políticos vacinados deberían dimitir.

"E si, en declaracións de face á galería, para quedar ben, o PP aconsellou a dimisión da alcaldesa e da posible expulsión. Esta resistíase e deron coa saída: a de sempre do PP, ela pediu a baixa e seguía como alcaldesa e xa non hai culpas", censurou.

Pola súa banda, o socialista Pablo Arangüena acusou á Xunta de vulnerar os protocolos para beneficiar á delegada de DomusVi nun caso de "prevaricación e tráfico de influencias". Ademais, contrapuxo a "ineficacia" mostrada polo conselleiro de Sanidade á hora de investigar esta vacinación co "cesamento fulminante" dunha xefa de servizo no Hospital de Vigo cando reivindicou publicamente o uso de máscaras contra a covid.

O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña.. XUNTA
O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña.. XUNTA | Fonte: CONCHI PAZ - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta