Sanitarios que o Sergas non vacinou: "o martes tivemos que operar un positivo, pero non somos primeira liña"

A Xunta vén de anunciar que completou a inmunización dos sanitarios "de primeira liña". Fontes do sector cualifican de "propaganda" a nova: "non sabemos quen é de primeira liña e quen non".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Nova polémica sobre a vacinación en Galicia. Poucos días despois de que trascendera a inmunización da delegada de DomusVi en Galicia --cualificada por fontes do sector das residencias como "moi amiga" do Presidente--, o foco queda agora posto sobre o avance da campaña sanitaria, moi criticada pola lentitude do seu ritmo. Neste aspecto, a Xunta de Galicia aseguraba o pasado mércores 10 que xa completara a vacinación de todos os sanitarios "de primeira liña" da Comunidade, un fito co que non todos os profesionais da saúde concordan.

Persoal de enfermaría nunha UCI
Persoal de enfermaría nunha UCI | Fonte: US.

Carmen María é enfermeira de quirófano na área sanitaria da Coruña, que nas últimas semanas se vén perfilando como a máis castigada desta terceira vaga. As críticas desta profesional, con todo, non van dirixidas á "irresponsabilidade" denunciada por outras traballadora da área coruñesa, senón contra a "propaganda" da Xunta coa campaña de vacinación.

Esta sanitaria denuncia que, malia ter contacto directo con pacientes covid, nin ela nin as súas compañeiras recibiron aínda a primeira dose da vacina. Carmen María exerce nun quirófano que, aínda o pasado martes 9, tivo que intervir a un positivo confirmado. "Se unha enfermeira de quirófano que fai gardas de urxencia non é de primeira liña... non sei quen o é", valora esta traballadora.

"FALTA DE TRANSPARENCIA"

"Non sabemos a quen consideran de primeira liña"

A denuncia de sanitarios como Carmen María botan sombra sobre o anuncio da Consellería de Sanidade. Dende hai semanas, o ente autonómico vén informando da vacinación deses sanitarios "de primeira liña", pero sen precisar de quen se trata. Unha circunstancia que non senta ben no colectivo sanitario. "O máis tremendo é a falta de transparencia", explica Carmen María, que engade: "non sabemos a quen consideran de primeira liña nin por que a nós nos consideran de segunda".

O escurantismo denunciado por esta traballadora queda reflectido na propia situación do seu quirófano. Alí, explica, o persoal de anestesia xa recibiu a vacina, mentres que o resto de traballadores segue a esperar a primeira dose. A día de hoxe, os traballadores non recibiron explicacións sobre esta diferenza: "os anestesistas e nós traballamos cóbado con cóbado. Por que se lles vacina a eles e a nós non? Non ten sentido", valora.

O inicio da vacinación para os profesionais sanitarios "de segunda liña" abre a porta a que tanto Carmen María como as súas compañeiras reciban a vacina nos próximos días. Atrás quedan, con todo, diversas situacións de contacto directo con positivos covid que parecen máis propias deses profesionais que, para a Xunta, si están ao pé do canón. "A semana pasada tamén tivemos que operar a un caso posible", explica a sanitaria do CHUAC, que subliña o perigo inherente á práctica cirúrxica. "O procedemento médico que máis aeorosois xera é a intubación e a extubación. Iso faise en cada quirófano varias veces ao día", engade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta