Un novo proxecto para un Xacobeo inclusivo a pesar da covid

Special Olympics Galicia ofrece ferramentas para que todas as persoas con discapacidade intelectual poidan gozar das actividades que ofrece o Camiño de Santiago.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2021 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

O proxecto 'Despois dun duro adestramento, un camiño cara a inclusión' é unha iniciativa enmarcada no programa 'O teu Xacobeo' da Xunta de Galicia que ten como obxectivo que as persoas con discapacidade intelectual de Galicia poidan prepararse para realizar o Camiño de Santiago dunha forma normalizada e adaptada ás súas capacidades.

Camiño para a inclusión
Camiño para a inclusión | Fonte: Special Olympics Galicia

Xa a finais de 2019, Special Olympics Galicia puxeron en marcha o proxecto 'Carlota prepara o camiño para o Xacobeo 2021', no que varios grupos de persoas con discapacidade intelectual adestraron durante 2019 e 2020 a través de diferentes rutas do Camiño.

 

"En Special Olympics Galicia puidemos detectar unha serie de apoios necesarios para o noso colectivo, e comezamos a traballar habilitando as actividades precisas para que as persoas con discapacidade intelectual puideran acceder ás diferentes rutas xacobeas segundo as súas capacidades", defenden dende o colectivo.

 

Por isto, este ano decidiron levar a cabo esta nova iniciactiva co obxectivo de "ofrecer ferramentas para que todas as persoas con discapacidade intelectual poidan gozar das actividades que ofrece o Camiño de Santiago", reivindican.

 

Para ese fin, realizarán actividades adaptadas ao colectivo, "dando continuidade aos testeos das rutas e adestramentos dos nosos camiñantes para que estean preparados tanto física como mentalmente para a consecución da Compostela", sosteñen. 

 

INCLUSIVIDADE NOS CENTROS EDUCATIVOS

 

Do mesmo modo, dende Special Olympics Galicia emprenderán vías de formación e visibilización do Xacobeo inclusivo entre centros educativos e universidades galegas, co fin de achegar a discapacidade intelectual a novas persoas voluntarias "que nos acompañen nesta ambiciosa actividade", inculcando entre a mocidade os valores do Camiño como unha opción de inclusión social e unha contorna accesible para todos e todas. 

 

COLABORACIÓN

 

A Asociación conta coa participación de preto de 170 persoas con discapacidade intelectual para este proyecto, así como 200 personas de diferentes centros educativos para axudar á difusión dos valores e da riqueza cultural do Camiño de Santiago co fin de "motivalos a acadar o xubileo compostelán", destacan. 

 

"Deste xeito, dende damos continuidade á nosa misión, que vai máis aló de promover a práctica do deporte e a cultura inclusiva, para levar os valores do noso movemento a todos os mozos e mozas da nosa comunidade e conseguir que se impliquen en actividades tan motivadoras como esta, onde Xacobeo e inclusión danse a man para camiñar xuntos", sentencian dende Special Olympics Galicia .

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta