Así conseguiron erradicar a vespa velutina nas Baleares

Os científicos dan por extinguida a avespa asiática no arquipélago máis de dous anos despois do último rexistro dun exemplar; con todo, mantense activo o plan de alerta. A ciencia cidadá e a actuación temperá foron claves no éxito do modelo balear, moito máis barato que os custos do Plan de loita da Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 12/02/2021 | Actualizada ás 22:01

Comparte esta noticia

Ciencia cidadá e detección temperá de niños. Estas son as dúas claves que permitiron ás Illas Baleares declararse libres de vespa velutina e ser o primeiro territorio europeo en erradicar esta praga. Un fito que se envexa en Galicia, onde a avespa asiática se espallou por case todo o territorio, causando estragos na biodiversidade, económicos e mesmo mortes.

Avespa velutina
Avespa velutina | Fonte: Charles J. Sharp.

O primeiro niño de velutina no arquipélago balear detectouse no ano 2015, grazas ao aviso dun apicultor de Sóller, e o último, en xuño 2018. Todos os exemplares foron identificados na illa de Mallorca. Dous anos e medio despois do último positivo, os expertos encargados da coordinación das accións enfocadas á erradicación da velutina nas Baleares fan balance do seu éxito e dan por extinguida a velutina, pero sen baixar a garda, mantendo aínda activo o sistema de vixilancia.

Máis detalladamente, o Laboratorio de Bioloxía da Universidade das Illas Baleares recibiu en outubro de 2015 unha mostra dunha colmea dun apicultor en Sóller sospeitosa de ser vespa velutina, pola morfoloxía do insecto. “O primeiro paso despois da confirmación foi o establecemento dun grupo de traballo multidisciplinar”, explican os expertos.

O grupo de traballo creouse para coordinar a avaliación de riscos e impactos, determinar a extensión da infestación e a área xeográfica afectada, avaliar as opcións de tratamento axeitadas dispoñibles e o seu impacto na fauna, revisar e adquirir fondos, comunicación cos grupos de interese, incluída a cidadanía, decidir que opcións de xestión (erradicación, control) son máis factibles e detallar os métodos de planificación. O grupo de traballo estivo formado por especialistas da Administración Pública, técnicos especialistas do Departamento de Sanidade e Control de Fauna do Consorcio para a Recuperación da Fauna das Illas Baleares (COFIB) e persoal especializado da Universidade das Illas Baleares, do Departamento de Bioloxía. Ademais, o grupo de traballo contou coa asistencia dos apicultores e dos concellos afectados.

A progresión do número de niños secundarios atopados foi de un no ano 2015, a 9 en 2016), 20 en 2017 e ningún en 2018, 2019 e 2020, observándose ademais un só niño primario en 2018. Os niños primarios son construídos polas raíñas tras saír do período de hibernación e neles poñen os ovos que darán lugar a vespas obreiras, que serán as encargadas de crear un niño secundario, moito máis grande, para albergar toda a colonia.

Lolo Andrade retirou no municipio coruñés de Coirós un niño de vespa velutina de máis dun metro de alto e de case 20 quilos de peso
Lolo Andrade retirou no municipio coruñés de Coirós un niño de vespa velutina de máis dun metro de alto e de case 20 quilos de peso | Fonte: CONTEXTOPLUS.

CIENCIA CIDADÁ

Un dato revelador é que máis da metade dos niños (58 %) foron detectados grazas a datos de ciencia cidadá (proxectos científicos nos que participan persoas non especializadas en colaboración con expertos), o que evidencia a importancia de involucrar os cidadáns ma actividade científica.

“Os avisos de cidadáns foron esenciais para controlar e erradicar a especie”, afirman os investigadores.

Isto conseguiuse grazas a Vespapp, unha aplicación impulsada e desenvolvida desde a Universidade das Illas Baleares que permitiu que os cidadáns participasen directamente na tarefa de detección e erradicación desta especie. En total, a través de Vespapp recibíronse 1.024 avisos que permitiron localizar boa parte dos niños da avespa asiática.

Para involucrar os cidadáns e conciencialos, “realizouse unha importante tarefa de información comunitaria” en medios locais e mediante a repartición de folletos, obradoiros e campañas informativas en feiras e en redes sociais, entre outras accións, ademais de habilitar dous números de teléfono 24 horas ao día para que os cidadáns puidesen chamar ou enviar unha mensaxe para notificar un posible positivo.

E para implicalos na identificación de niños, en 2016 desenvolveuse Vespapp, tan só un ano despois do primeiro rexistro da velutina nas Baleares. Con esta aplicación, os cidadáns puideron enviar fotos de observacións sospeitosas, para así axudar a identificar e localizar individuos ou niños de vespa velutina.

O software, accesible en http://vespapp.uib.es/, e unha aplicación gratuíta para Android na que as imaxes enviadas cárganse nunha base de datos para ser revisadas polos expertos e confirmar ou descartar as observacións. A aplicación sumou 3.685 descargas entre 2016 e 2020.

Ademais, apicultores e 54 axentes ambientais realizaron observacións visuais nos apiarios e en zonas naturais de toda a illa.

TRABALLO DE CAMPO

Pero tamén houbo un intenso traballo de campo por parte dos científicos. Entre outubro de 2015 e outubro de 2020 realizáronse prospeccións intensivas nunha área de 486 quilómetros cadrados, incluída nun radio de 28 km ao redor da primeira detección en Sóller. Os investigadores colocaron trampas en zonas rurais, urbanas e boscosas. Os artefactos para atrapar as vespas colocáronse cada 300 metros en puntos de doado acceso ao longo de estradas secundarias próximas ou camiños privados. As trampas colgáronse a alturas entre 1,5 e 2 metros, normalmente desde unha árbore ou calquera outro punto alto. Os exemplares capturados clasificáronse como raíñas ou obreiras empregando diferenzas morfolóxicas.

Así, combináronse trampeos para capturar raíñas en primavera e evitar a fundación de novos niños, e trampeos para obreiras para localizar colonias. Cando se detectou un exemplar adulto (por informe cidadán ou por trampa), fixáronse na zona puntos de alimentación con peixe cru para identificar a dirección que estes adultos tomaban cara ao niño. Para definir a situación do niño por medio da triangulación foron necesarias polo menos tres rutas de voo que partían de tres puntos de alimentación diferentes. “O obxectivo era ter un punto de partida para atopar un niño e destruílo antes de que o tamaño da colonia alcanzase a súa plena madurez”, explican.

Unha vez localizados os niños, elimináronse manualmente polas noites. Para este propósito, os técnicos tiñan que chegar ao niño normalmente subindo a unha árbore. O niño retirábase completamente e colocábase nun saco axustado á medida e que, por motivos de seguridade, se introducía nunha bolsa de plástico máis grande. Tras isto, se se observaba algún individuo de velutina, aplicábase insecticida pulverizado doméstico na contorna. Os niños conxeláronse a -20 °C durante polo menos 48 horas. Despois dunha semana, volveuse visitar o lugar para comprobar se as vespas reconstruíran os niños e, neses casos, volvéronse retirar.

A CLAVE: A RESPOSTA RÁPIDA

Os investigadores lembran que “as especies exóticas invasoras son unha ameaza importante para as autóctonas” e destacan que “a erradicación pode ser factible cando se asegura unha resposta rápida e dedícanse recursos adecuados”. Porén, “a erradicación pode converterse en impracticable unha vez que a praga alcanza un determinado nivel de poboación e/ou expansión”, engaden.

“Desde o noso punto de vista, a decisión de establecer un grupo de traballo multidisciplinar e a aplicación dunha combinación de varias metodoloxías foi esencial para ter éxito. A planificación foi dinámica e evolucionou segundo as continxencias, dando lugar a unha maior experiencia do equipo. Para limitar o impacto de vespa velutina, empregáronse métodos como a captura de fundadoras durante a primavera”, resumen os científicos.

Con todo, estes investigadores tamén recoñecen que o éxito se debeu ao feito de que Mallorca é unha illa, á “baixa poboación de vespa velutina” e á rapidez co que se actuou: “No noso caso, aínda estabamos traballando nunha fase inicial de invasión, onde a densidade de niños era moi baixa en comparación con outras rexións onde a poboación xa estaba ben establecida”.

E conclúen: “No escenario da fase inicial da invasión, a busca activa de niños é crucial”.

Malia non terse confirmado máis casos, o sistema de vixilancia permanece activo, xa que “a certeza absoluta da ausencia dunha especie só se pode acadar co paso do tempo”, advirten.

E canto custa isto? O custo total da campaña de traballo de campo foi de 134.123,14 euros para os catro anos que durou, “máis barato que o custo de erradicación da especie nunha fase posterior ou o custo da eliminación de niños nun escenario de establecemento de especies”, comparan os investigadores baleáricos.

Por isto, salientan que “a detección precoz e rápida de individuos de vespa velutina é máis rendible”.

As claves do seu modelo para erradicar a avespa asiática son agora compartidas coa comunidade científica internacional na revista Pest Management Science.

GALICIA: UN PLAN DE LOITA OITO ANOS DESPOIS

Aínda que desde o ano 2014, o Goberno galego conta cun programa de vixilancia e control fronte á avespa asiática e con distintos sistemas para retirada de niños por alertas no teléfono habilitado no 012, o Plan de loita contra a vespa velutina foi acordado e activado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) en 2020, nada menos que oito anos despois da primeira detección no territorio galego –en 2012– e co insecto xa descontrolado.

Desde a súa posta en marcha a finais de xaneiro de 2020, o operativo de Seaga, encargado da encomenda e integrado por 80 efectivos, retirou o pasado ano máis de 16.700 niños da avespa asiática en todo o territorio galego.

Por provincias, durante 2020 elimináronse ou neutralizáronse 8.460 niños de vespa velutina na Coruña, máis de 2.000 en Lugo, máis de 1.300 en Ourense e case 5.000 en Pontevedra. A maioría dos niños foron retirados nun prazo de menos de cinco días hábiles desde a alerta.

O Plan estivo dotado o pasado ano con 2,3 millóns de euros de fondos propios da Xunta e do Fondo de Cooperación Local ao que se adheriron 285 concellos, o que supón o 90 % dos municipios galegos. Unha cantidade 17 veces superior ao investido no traballo de campo en Baleares durante catro anos.

Co nivel de expansión da velutina en Galicia –practicamente chegou a case todo o territorio–, o modelo balear non serviría para erradicala; é demasiado tarde. Algúns expertos dan por perdida esa batalla e só consideran estratexias para o control da poboación de velutina en Galicia como mal menor.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta