O calendario da desescalada: a Xunta manterá moitas restricións ata maio

Feijóo di que non sabe o que decidirá o comité clínico, pero destaca que as medidas que se tomen faranse para protexer aos maiores de 80 anos, "cuxa vacinación remata a segunda semana de maio".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/02/2021 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que o vindeiro luns, día 15 de febreiro, o Goberno galego anunciará, tras a reunión do comité clínico, se se pode flexibilizar "algo ou moito" as restricións en vigor para facer fronte aos contaxios da covid-19.

Varios dos axentes da Policía Local realizando un control de mobilidade na saída de Santiago de Compostela
Varios dos axentes da Policía Local realizando un control de mobilidade na saída de Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press - Arquivo.

Malia que recoñeceu que aínda non se poderá volver "en ningún caso a situacións anteriores", considerou que "se Galicia evoluciona ben" se poderá facer unha "apertura gradual, prudente e acorde á situación epidemiolóxica".

O presidente explicou que o comité clínico analiza "a evolución", "tendo en conta todos os factores", para tomar as decisións que "sexan oportunas" e "anuncialas xa desde ese día", en referencia ao luns. E é que, conforme lembrou, o martes vence o prazo das medidas activadas en xaneiro.

Para iso, indicou que se terán en conta parámetros como a incidencia acumulada, a cifra de novos positivos, o número reprodutor básico e a porcentaxe de positividade para ver se se pode "flexibilizar algo ou moito".

Deste xeito, subliñou que a Xunta actuará guiada polos consellos do comité clínico e buscarase manter unha "incidencia baixa no próximos tres meses", tendo en conta que se abordará un "momento clave da vacinación", co inicio da inmunización dos maiores de 80 anos.

"Temos que non fallar durante estes dous meses ata principios do mes de maio, porque nos xogamos moitas vidas", manifestou Feijóo, que considerou importante seguir sendo unha das comunidades con menor taxa de mortalidade desde o inicio da pandemia.

Feijóo sinalou que se constata unha "boa evolución", cunha "relevante baixada do número de casos novos, das persoas hospitalizadas", así como un descenso "constante" da positividade, tanto en PCR como en antíxenos. Con todo, subliñou que continúa habendo unha "presión asistencial alta", especialmente nas unidades de coidados intensivos.

Con todo, tendo en conta que a incidencia acumulada a 14 días "segue sendo elevada" e que a presión hospitalaria "segue sendo alta", especialmente nos da Coruña, Ferrol, Santiago e Pontevedra, considerou que non se pode "caer na autocompracencia".

"Por tanto, se Galicia evoluciona ben, pois poderemos facer o que onte comentei no Parlamento, que será unha apertura gradual, prudente e acorde coa situación epidemiolóxica que teñamos de aquí a seis-sete días", sinalou.

HOSTALARÍA

Preguntado sobre as restricións na hostalaría, Feijóo asegurou que "é evidente" que este é o sector "con máis dificultades" para poder levantar algunhas medidas.

"En todo caso, imos reunirnos co sector da hostalaría, imos escoitar ao comité clínico e imos tentar despexar algún escenario para próximas semanas", manifestou Feijóo, que incidiu en que a hostalaría é o sector "máis sensible" para tomar decisións desde o punto de vista de saúde pública en canto á súa apertura.

Sobre a hostalaría, á que asegurou "admirar" e da que afirmou ser "consumidor, tamén dixo que, "ou a maioría dos dirixentes políticos europeos" están "equivocados" ou, "lamentablemente", é un "sector crítico na translación do virus".

"Se vostede se fixa nas decisións que tomamos o día 13 e o 26 de xaneiro, o fundamental foi o peche da hostalaría", precisou para sinalar que a baixada de máis dun 45% da taxa de incidencia no últimos sete días "é evidente que ten unha relación directísima co sector".

Con todo, subliñou que iso non significa que os titulares dos establecementos sexan os responsables, "en ningún caso". "Por tanto, o que criminalice o sector da hostalaría equivócase, o sector é unha vítima máis de covid e por iso hai que axudalo, no caso de Galicia, con cantidades inxentes de diñeiro", apuntou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta