Os estudos sobre o valor arquitectónico decidirán o proceso para declarar BIC o Museo Maside

A responsable de Patrimonio da Xunta defendeu o papel do seu departamento "ao longo destes anos", nos que o compromiso coa protección e defensa da conservación destes bens están na súa "folla de ruta".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 11/02/2021 | Actualizada ás 18:23

Comparte esta noticia

O proceso para declarar ao Museo Carlos Maside como Ben de Interese Cultural (BIC) está aínda pendente da realización e presentación de estudos sobre o valor arquitectónico e da situación na que se atopa o inmoble.

Así o trasladou a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, en resposta a unha pregunta formulada polo BNG en sede parlamentaria e que demandaba explicacións sobre a situación deste expediente ante a aparente "inacción" por parte da Xunta.

A responsable de Patrimonio rexeitou estas críticas e defendeu o papel do seu departamento "ao longo destes anos", nos que o compromiso coa protección e defensa da conservación destes bens están na súa "folla de ruta".

Desde 2016, xa son 69 os bens incluídos na listaxe, entre eles pezas como as esculturas do Mestre Mateo, o poboado de Montefurado ou a técnica construtiva da carpintaría de ribeira, de modo que Galicia conta xa cun total de 746 bens no rexistro, un dos máis recentes o Mosteiro de San Martín Pinario.

LEGADO DE SEOANE E DÍAZ PARDO

Martínez Insua destacou a importancia do Museo Maside, legado de Seoane e Díaz Pardo, cunha colección que supera as 1.800 obras entre pinturas, gravados, serigrafías e esculturas duns 200 artistas, a maior parte galegos dunha recoñecida traxectoria. Neste sentido, a Xunta conta xa cun inventario actualizado desta "colección singular", que se sitúa como "expresión dos mais grandes autores e artistas.

Unha vez concluída esta análise, matizou, a Consellería de Cultura emprenderá o estudo da singularidade do propio edificio, para detallar os valores arquitectónicos e museográficos para si "identificar todas as necesidades existentes".

Estes estudos remitiranse aos órganos consultivos e asesores, tanto ao Consello da Cultura Galega como á Real Academia Galega e as universidades, explicou, para reiterar o seu "compromiso" para seguir avanzando cara á incoación do expediente BIC.

"ABANDONO" AUTONÓMICO

A deputada nacionalista Mercedes Queixas, pola súa banda, mostrouse "profundamente preocupada" ante o "abandono" deste ben e a "falta de acción" nun proceso "acordado fai once anos" no propio Parlamento galego.

Así mesmo, defendeu que xa existe un informe do Consello da Cultura Galega que insta á declaración BIC do inmoble e advertiu que as explicacións da Xunta "non xustifican nin dá resposta" ás necesidades e á a solución que necesita o Museo Maside. "Espero unha rectificación", resolveu.

Museo Carlos Maside, situado en Cerámicas o Castro, Sada
Museo Carlos Maside, situado en Cerámicas o Castro, Sada | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta