Os pontevedreses gozan dos seus espazos verdes: o 69% os utiliza para camiñar e facer deporte

Tino Fernández impulsa a creación da rede de rutas saudables MetroSan nas zonas verdes, espazos naturais e sendas de Pontevedra.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 11/02/2021 | Actualizada ás 20:20

Comparte esta noticia

Un Estudo sobre a Situación Económica, Social e Ambiental de Pontevedra promovido polo Concello en colaboración co Equipo de Investigacións Políticas da Universidade de Santiago reflexa que un 68’6% dos pontevedreses emprega os parques, xardíns, sendas e espazos naturais da cidade para camiñar ou pasear. Deles, un 44,1% afirma facelo tódolos días e un 37,4% algunha vez por semana. Asemade, a investigación constata que un 18% dos enquisados asegura practicar deportes como correr (11,2%), ciclismo (6,1%), ximnasia ou musculación ao aire libre no noso concello (un 26,5% dos homes e un 10,3% das mulleres).

A sondaxe pon de manifesto que o ‘running’ e a bicicleta, practicados por un 62,8% e un 34,1% dos que fan deporte ao aire libre, son con diferencia as actividades deportivas máis practicadas. Un 65% destes deportistas afirma practicalo algunha vez por semana e un 20,4% tódolos días, sendo as franxas horarias de 7:00 a 12:00 horas e de 18:00 a 22:00 horas as preferentes e a senda do Lérez, A Xunqueira de Alba, a Illa das Esculturas e o contorno de Os Gafos os espazos predilectos.

Os resultados da enquisa, realizada entre 600 persoas, foron presentados esta mañá polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Actividade Física e Saúde, o socialista Tino Fernández, nunha comparecencia na que estivo acompañado por un dos seus coordinadores, Paulo Carlos López.  O edil destacou a decisión de pechar as instalacións deportivas municipais de xeito preventivo por mor da pandemia: un 66,1% dos enquisados amósase de acordo con esta medida.

MEDIDAS PREVENTIVAS

De feito, o estudo ratifica aínda máis esta iniciativa cando se lles pide aos enquisados que valoren as medidas preventivas a aplicar en Pontevedra para frear a expansión da Covid-19. Tal e como subliñou Tino Fernández, “por termo xeral ningunha acada o cinco de valoración media, cunha única excepción: o peche dos pavillóns e instalacións deportivas, que obtivo un 6,3. Preto do aprobado sitúanse o peche perimetral dalgúns barrios ou parroquias (4,74), os peches perimetrais durante os festivos, pontes e fins de semana (4,72) e o peche de parques infantís (4,65). Menos aceptación atopan o decreto de peche do comercio non esencial (3,31) e de xardíns e zonas verdes (3,48).

“Despois da cacería que o PP orquestrou durante semanas e semanas contra a nosa decisión de poñer a saúde e as vidas por enriba de todo, o tempo acabou por darnos a razón, a Xunta de Galicia tivo que recoller cabo neste asunto e esta enquisa pon agora de manifesto dun xeito rotundo a opinión da meirande parte da cidadanía. É a única medida que aproba e que ademais o fai sobradamente”, subliñou Fernández.

METROSAN

Con estes números na man e baseándose na idea do MetroSilvestre deseñado para a ‘Rara pero San Silvestre’, o tenente de alcalde anunciou a súa intención de impulsar o MetroSan, “unha rede de rutas saudables que ten como xermolo estes itinerarios da ‘clásica’ pontevedresa e que inclúe inicialmente 28 alternativas diferentes de roteiros para saír a camiñar, pasear ou andar en bicicleta”.

“Pontevedra conta cun contorno natural envexable para a realización de actividade física ao aire libre e, con esta situación sanitaria, cada vez son máis os que optan por facer exercicio nos nosos parques e zonas verdes. O noso obxectivo inicial é xerar unha rede de rutas urbanas e periurbanas interconectadas, con percorridos sinalizados, paneis con propostas de quecemento e estiramentos e clasificadas por dificultades”, asegurou o edil socialista.

Illa das esculturas, espazo verde da cidade de Pontevedra
Illa das esculturas, espazo verde da cidade de Pontevedra | Fonte: turismo.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta