Un centenar de persoas en risco de exclusión social poderán ser contratadas a través de empresas de inserción

A Consellería de Emprego e Igualdade investirá nesta actuación 800.000 euros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2021 | Actualizada ás 13:49

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres, 12 de febreiro, unha liña de axudas destinada en 2021 á contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social en empresas de inserción laboral.

En concreto, a Consellería de Emprego e Igualdade investirá nesta actuación 800.000 euros -un 5,6% máis que en 2020- co obxectivo de impulsar o emprego dunhas cen persoas por parte das empresas de inserción. Esta iniciativa forma parte da nova Axenda 20, a través da que se destinará á economía social máis de 33 millóns de euros, un incremento do 22% con respecto a 2020.

Estas axudas, informou a Xunta, van dirixidas ás empresas de inserción laboral para a contratación de persoas en risco ou situación de exclusión social que estean así cualificadas polo Sistema Galego de Servizos Sociais. As persoas en proceso de inserción laboral poderán ser contratadas durante un máximo de 3 anos e non se apoiarán contratacións inferiores a 6 meses nin xornadas laborais inferiores ao 50%.

Inmigración, inmigrantes, inmigrante andando, pobreza, pobre
Inmigración, inmigrantes, inmigrante andando, pobreza, pobre

DÚAS LIÑAS DE AXUDAS

O programa da Xunta, que prevé pagos anticipados de ata o 90% da axuda concedida, inclúe dúas liñas: axudas para o mantemento do custo salarial dos traballadores (pode solicitarse ata o 12 de abril) e incentivos para compensar os custos adicionais do emprego como os gastos derivados do proceso de creación das empresas ou de formación dos empregados, entre outros.

No primeiro caso, a Administración Autonómica financia os custos salariais cunha contía equivalente ao 100% do salario mínimo interprofesional mensual (incluídas dúas pagas extras) por cada traballador contratado.

A segunda liña de axudas conta con sete tipos de apoios diferentes. Así, incentívase a asistencia técnica para a creación, mellora e diversificación das empresas de inserción laboral, o inicio e a posta en marcha de actividades, e a creación e ampliación de novos postos de traballo para persoas en proceso de inserción laboral, sempre que os novos contratos estean relacionados coas actividades desenvolvidas pola empresa de inserción.

6.000 EUROS PARA CONTRATACIÓN

Así mesmo, a consellería financia a contratación de xerentes ou persoas técnicas de produción; a contratación de persoas técnicas en orientación e acompañamento á inserción; a formación das persoas en proceso de inserción laboral; e a transformación de contratos en indefinidos.

Neste último caso, apoiarase con 6.000 euros a contratación de persoas en proceso de inserción laboral nunha empresa ou a transformación dun contrato en indefinido na mesma compañía de inserción laboral. Esta contía tamén se concederá para aquelas persoas que se convertan en autónomos ou se incorporen como socios traballadores únaa sociedade cooperativa ou laboral.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta