Adega critica o novo Plano Forestal da Xunta: "Máis eucalipto e menos consenso social que nunca"

A Xunta de Galicia defende que aumentar a superficie forestal ten como finalidade absorber os gases de efecto invernadoiro.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2021 | Actualizada ás 22:15

Comparte esta noticia

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) denuncia que a actual versión en trámite no Parlamento Galego do Plano Forestal do PP é "aínda máis produtivista e pirófila que a do ano 2018".

Eucaliptos. XUNTA
Eucaliptos. XUNTA

A Xunta de Galicia defende que este Plano ten como obxectivo "incrementar a capacidade dos montes para absorber gases de efecto invernadoiro", mediante o aumento da superficie forestal, particularmente de eucalipto e de piñeiro.

Por isto, o colectivo reivindica que a norma afonda "aínda máis" no seu carácter produtivista e eucaliptizador, "que pretende camuflar invocando a neutralidade climática e os obxectivos de sustentabilidade da ONU".

CARTOS PÚBLICOS

Por outra banda, Adega critica que as medidas do novo Plano Forestal diferénciase do de 2018 en que o Eixo III "Dinamización socioeconómica sustentable do monte e a propiedade forestal galega para a súa incorporación á economía verde” da primeira versión desdóbrase en dous na máis recente: "Xestión forestal e loita contra o abandono do monte”, que trata do fomento da xestión forestal privada e da mobilización de terras, e “Recursos forestais e cadea monte-industria”, que fai explícita a aposta pola cadea monte-industria.

Isto supón que se invirtan máis cartos públicos para producir madeira e menos para unha xestión sustentábel, o que a Asociación chama: "novas etiquetas para vellas receitas dun monte ao servizo de ENCE e das enerxéticas".

A Asociación conclúe que "trátase dunha norma que nace xa obsoleta, sen consenso, de carácter fortemente produtivista e industrialista e coa que a Xunta pretende ademais branquear as décadas de desleixo administrativo e descontrol –intencionado- co eucalipto".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta