A Lei galega de acción exterior, un marco sen consenso "para relacionarnos e proxectarnos no mundo nas próximas décadas"

BNG e PSdeG discrepan co PPdeG sobre a formulación desta nova norma.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 12/02/2021 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

A Lei galega de acción exterior encara os últimos pasos da súa tramitación parlamentaria que, tras recibir o visto e prace o ditame do proxecto normativo, procedente da pasada lexislatura, será agora sometido a debate e votación en pleno para a súa aprobación definitiva.

Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo Secretario Xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, nun acto coa colectividade do Centro Galego De Montevideo (Uruguai)
Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo Secretario Xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, nun acto coa colectividade do Centro Galego De Montevideo (Uruguai) | Fonte: Xunta de Galicia.

A Comisión 1ª Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior da Cámara galega celebrada este venres deu luz verde ao ditame do proxecto lexislativo, impulsado desde a Administración autonómica, que reiniciou a tramitación deste texto que quedou suspendido polo final da pasada lexislatura para a convocatoria de eleccións nas que o PPdeG renovou a súa maioría absoluta.

Unha posición parlamentaria que garante que o texto supere as distintas etapas de tramitación na Cámara, que debaterá nas próximas semanas a súa aprobación defintiva despois de que este venres superase as votacións das emendas.

O deputado popular, Alberto Pazos Couñago, lamentou na súa intervención que o Grupo Socialista non prestase o seu apoio ao ditame cando "se aceptaron ou transaccionaron 14 das 19 emendas presentadas" a un texto que definiu como "unha norma de país que fixa o marco normativo, os obxectivos e ferramentas para relacionarnos e proxectarnos no mundo nas próximas décadas".

En canto á postura do BNG, o parlamentario do PPdeG apuntou que a oposición á proposta lexislativo parte dun "posicionamento lexítimo" desde o punto de vista político pero que incorre en "ilegalidades" á hora de expor "modificacións" no proxecto normativo.

"Non é que discrepen da lei, é que discrepan do modelo de Estado", sinalou Pazos Couñago tras defender que o seu grupo "se abriu de mente" para incorporar as achegas da oposición.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Pola súa banda, os grupos da oposición, BNG e PSdeG, tacharon de "oportunidade perdida" a elaboración desta regulación para a acción exterior galega que, ao seu xuízo, "non servirá" para mellorar as canles de interlocución cos axentes na diáspora nin para proxectar e xerar oportunidades para a economía ou a cultura de Galicia.

En palabras do deputado nacionalista Luís Bará, o "gran problema" do texto reside en que "parte dunha visión domesticada e tutelada da acción exterior dun país pola subordinación e submisión a Madrid", algo que, á súa entender, reflíctese nos artigos pola "retieración excesiva" á Lei estatal de acción exterior.

Segundo Bará, trátase dunha "lei de mínimos" que "non aproveita" as oportunidades que ofrecen órganos externos como a Fundación Galicia Europa ou o IGADI. "É unha lei dunha rexión que pide permiso a Madrid e queremos unha lei dun país que quere estar no mundo", sentenciou.

Pola súa banda, o viceportavoz socialista Pablo Arangüena vaticinou que lei "non vai funcionar" o que lle levou a sentenciar que o texto "non se arranxa emendándoo, senón cambiándoo radicalmente".

E é que, para Arangüena, a lei "non liquida" o problema da "infrautilización" do "activo" que supón a diáspora tradicional galega co seu "potencial económico e cultural", nin tampouco que "se ignore" a "nova diáspora" xurdida na última década coa saída de "mozos e non tan novos" que se foron de Galicia ante a "falta de saídas profesionais.

Así mesmo, espetou que o rexistro de empresas no exterior "tal e como o expón" a nova normativa é propio de "un goberno decimonónico" pero non dun "do século XXI". En definitiva, Arangüena considera que na norma "non se contemplan os medios para facer de Galicia un sitio competitivo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta