Temas: APOSTAS XOGO XUNTA

A Xunta sae en defensa do sector do xogo e pide "respecto" para estes negocios

O Goberno galego destaca o baixo grao de sancións.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/02/2021 | Actualizada ás 14:54

Comparte esta noticia

A Xunta destacou o baixo grao de sancións detectadas no sector do xogo respecto ao número de inspeccións levadas a cabo nos negocios que dependen da normativa autonómica, saíndo así de novo en defensa deste sector. Díxoo o responsable de Interior e Emerxencias da Xunta, Santiago Villanueva, que acudiu este venres a responder a dúas preguntas parlamentarias formuladas en comisión polos grupos da oposición relativas ambas ao sector do xogo.

Casino
Casino | Fonte: Elaine Smith en Flickr.

Segundo Villanueva, o xogo é "unha actividade moi inspeccionada" que en 2019 acumulou 6.000 inspeccións que derivaron "nunhas 50 sancións" por incumprimentos da normativa autonómica, pendente de ser actualizada cunha lei que figura no calendario do Goberno galego pero que aínda se atopa en fase de elaboración.

Cuestionado sobre o volume de recadación de impostos para este sector, Villanueva cifrou en case 61 millóns de euros os solicitados polas autoridades autonómicas no ano 2019 en fiscalidade e taxas para negocios de apostas, máquinas recreativas, casinos, bingos ou tómbolas.

Unha recadación que, segundo apuntou, diminuíu case á metade en 2020 polo impacto da pandemia. En concreto, o responsable da Xunta cifrou en 35 millóns os impostos pagos polo sector a nivel galego o pasado ano.

XOGO E PANDEMIA

Tamén se referiu, a pregunta do PSdeG, sobre a situación das casas de apostas e salóns de xogo ante as restricións impostas para o control da pandemia. Esta pregunta, como sinalou a deputada Paloma Castro, foi formulada "seis meses atrás" cando este tipo de negocios "contaron con privilexios" respecto de establecementos de hostalaría.

A deputada tachou de "burla" que transcorresen seis meses entre a presentación da pregunta e a súa resposta en comisión nun momento no que, tras a imposición de novas restricións o pasado 26 de xaneiro, as casas de apostas e salóns de xogo están pechados do mesmo xeito que toda a hostalaría, ximnasios ou outros centros de lecer.

Na súa resposta, Villanueva recoñeceu que esta pregunta "tiña sentido" cando foi presentada (en agosto), á vez que defendeu que, mentres estiveron abertos, existiu un "estrito control" das medidas sanitarias estes establecementos.

Así, asegurou que non se presentou "ningunha denuncia" por violación das normativas relacionadas coa covid-19 en negocios dun sector para o que demandou "respecto" porque del dependen "1.800 familias".

CONTROIS NAS MÁQUINAS

Así mesmo, en resposta ao deputado do BNG Luís Bará, que censurou na súa intervención o "trato de favor descarado" da Xunta cara ao sector e os "vínculos íntimos" do PP coa súa patronal, Santiago Villanueva sinalou que depende dos propios hostaleiros prohibir que menores de idade poidan usar as máquinas de apostas deportivas que se instalan en bares, restaurantes e cafetarías.

Neste sentido, despois de que o parlamentario nacionalista advertise que os menores teñen á súa disposición este tipo de máquinas "á beira" dos institutos, o responsable autonómico defendeu que a activación do mando que permite bloquear o uso das máquinas aos menores debe ser solicitado polo propietario do negocio da hostalaría.

Temas: APOSTAS XOGO XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta