Os casos por COVID en centros escolares superan os 2.700

O número de aulas pechadas chega ás 113 e dous centros permanecen clausurados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2021 | Actualizada ás 17:20

Comparte esta noticia

A incidencia da covid-19 nos centros educativos galegos segue en descenso. O último parte facilitado pola Xunta indica que os casos activos baixan ata os 2.705, polo que se mantén a tendencia á redución rexistrada no últimos sete días.

Estas cifras supoñen preto dun centenar menos de positivos que a xornada anterior, mentres que aínda seguen pechadas polo menos 113 aulas. No entanto, todas as áreas sanitarias rexistran un descenso do número de casos totais.

Así mesmo, a pandemia obriga a manter clausurados dous centros; a escola pública de infantil Modia en Cambados e a escola infantil municipal de Viveiro, que contan con dous e con tres positivos, respectivamente.

Os centros da área sanitaria da Coruña son os que suman o maior número de positivos con 759, uns 20 menos que onte, ademais de 13 aulas pechadas. Do mesmo xeito, polo menos 15 deles rexistran ou supera a decena de casos nas súas instalacións.

Entre eles están o centro privado Liceo A Paz con 25, Fogar de Santa Margarida con 22 ou o Salesiano San Juan Bosco con 23, todos eles na Coruña. En Arteixo, ademais, destacan o CEIP de Arteixo (18), o IES Pastoriza con 17 ou o Ponte dos Brozos, que conta con 16 casos confirmados.

VIGO, A SEGUNDA

A seguinte zona de influencia con máis positivos é a de Vigo, 470, aínda que rexistra un descenso que supera os 50 casos respecto ao día anterior. Ademais, mantén polo menos 34 unidades pechadas.

Os puntos de maior incidencia son o centro privado Os Salgueiros de Mos, con 18, ou a Compañía de María de Vigo, con 15 positivos e catro aulas pechadas.

Na área de Pontevedra, que suma 438 positivos (case unha vintena menos), mantéñense polo menos 23 aulas e un centro pechado.

Os casos máis graves son o centro privado Santiago Apóstolo de Soutomaior, con 30 positivos; o Rosalía de Castro de Vilagarcia de Arousa con 16, o Álvarez Limeses e Os Salgueiros (Pontevedra), estes últimos con 15 positivos.

RESTO DE ÁREAS

Os centros da área de Santiago baixan ata os 337 positivos, uns 50 menos, e 13 aulas pechadas, mentres que os de Ourense rexistran 251 e 13 unidades afectadas.

A área de Lugo suma, pola súa banda, 241 casos no ámbito educativo, ademais de 15 aulas e 1 escola infantil pechada. O máis grave dáse no CEIP Plurilingüe Lagostelle de Guitiriz, cun total de 26 positivos e polo menos 3 aulas clausuradas. Finalmente, a área de Ferrol rexistra 201 positivos e 2 aulas pechadas e o Santiago Apóstolo de Narón (14) é o centro con maior número de casos.

Aula
Aula | Fonte: Europa Press

TENDENCIA CONSOLIDADA

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, fixo balance este mesmo venres da evolución epidemiolóxica da pandemia nos centros galegos, con motivo da súa participación na reunión do comité educativo.

Así, destacou o descenso do 30 por cento dos casos totais respecto ao pico rexistrado nesta terceira onda de covid-19 e que nas últimas xornadas consolidouse "a tendencia descendente" iniciada hai unha semana.

Finalmente, Rodríguez instou a non baixar a garda nas próximas semanas e a seguir aplicando os protocolos e recomendacións de seguridade, especialmente nos días non lectivos do 'Entroido'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta