A OMS pide "máis estudos" para validar se é suficiente unha soa dose da vacina en persoas que xa pasaron a covid-19

A Organización Mundial da Saúde sinala que, de momento, a súa recomendación é que se utilicen dúas doses.

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 12/02/2021 | Actualizada ás 18:18

Comparte esta noticia

A Organización Mundial da Saúde (OMS) sinalou que, polo momento, a súa recomendación é que se utilicen dúas dose das vacinas contra a COVID-19 tamén naquelas persoas que xa superaron a infección.

Vacinación contra a covid-19 do persoal sanitario en Galicia
Vacinación contra a covid-19 do persoal sanitario en Galicia | Fonte: Sergas.

A Alta Autoridade de Saúde (HAS) de Francia actualizou as súas recomendacións sobre a vacinación para sinalar que quen xa pasase a COVID-19 e, por tanto, presente anticorpos, pode recibir unha única dose en lugar das dúas recomendadas ata agora.

A axencia sanitaria, que cita como aval os estudos realizados ata a data, sostén que as persoas que xa se contaxiaron "desenvolveron unha memoria inmunitaria como consecuencia da infección". "A dose única da vacina desempeñará un papel de recordo", explican desde Francia.

Porén, a científica xefe da OMS, Soumya Swaminathan, opinou, con todo, que esta decisión necesita máis evidencia científica para ser apoiada. "Necesítanse máis estudos e máis seguimento para, baseándonos na ciencia ata o momento, facer este tipo de recomendacións. A nosa guía segue indicando que se utilicen as dúas doses", contestou.

Segundo as autoridades francesas, esta única inxección debería chegar "máis de tres meses" despois de superar a enfermidade, e "preferiblemente" seis meses. A HAS recoñece que ata o momento ningún país se situou claramente sobre a posibilidade de eliminar unha das dúas doses.

A recomendación, a primeira deste tipo que se fai en todo o mundo, debe aínda recibir o visto e prace do Goberno, que non se pronunciou polo momento sobre a posibilidade de modificar os programas que xa están en marcha. Francia ten rexistrados máis de 3,4 millóns de casos de COVID-19 ata o xoves, con máis de 80.800 falecidos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta