As axudas do segundo plan de rescate comezarán a chegar en marzo, prevé a Xunta

75 millóns de euros para autónomos, micropemes, hostalaría, comercio e sectores afectados polos peches.

Por E.P. | Pontevedra | 12/02/2021 | Actualizada ás 19:07

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicou este venres que o segundo plan de rescate para hostalaría, comercio e outras actividades afectadas polas restricións publicarase previsiblemente no DOG a próxima semana e, dada a axilización nos procedementos que inclúe, prevé que os pagos se realicen a partir do mes de marzo.

Establecemento hostaleiro pechado polas restricións
Establecemento hostaleiro pechado polas restricións | Fonte: SHOW Fotografa - Europa Press.

Este plan que aprobou o xoves o Consello da Xunta inclúe 75 millóns de euros para autónomos, micropemes, hostalaría, comercio e sectores afectados polos peches, un investimento que, sumada á do primeiro plan, totaliza 160 millóns de euros "en apenas catro meses".

Entre os elementos de "corrección" que inclúe este segundo plan, dixo Rueda, están cambios na tramitación para facer "máis áxiles as axudas" e que estas poidan "chegar canto antes" aos beneficiarios. Segundo os seus cálculos, a partir do mes de marzo.

Rueda reiterou que a Xunta seguirá articulando plans de axudas "mentres sexa necesario" e volveu convidar os concellos a "sumarse á canle" da Administración autonómica para achegar fondos para estes sectores e "conseguir así unha tramitación áxil". "O que queremos é que estas axudas cheguen canto antes, é o que están a esperar os hostaleiros, que non discutamos nin perdamos o tempo", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta