Xulgan un home por violar e maltratar á súa muller durante anos

"As agresións continuaron cando os fillos, fuxindo do clima de violencia que se vivía no fogar familiar, abandonaron o domicilio" di a Fiscalía.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2021 | Actualizada ás 13:27

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial da Coruña acollerá o xoves, día 18, un xuízo por agresión sexual, malos tratos, ameazas e lesións, nunha causa procedente dun xulgado de Carballo, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Por estes feitos, a Fiscalía pide para o acusado de violar a súa muller e sometela durante anos a agresións físicas e psicolóxicas unha pena de 15 anos de cárcere.

O procesado, casado e con tres fillos que na data da denuncia, 2016, xa abandonaran había tempo o fogar familiar, sometía á súa muller, segundo sostén o Ministerio Público no seu escrito de cualificación,"a agresións físicas e psicolóxicas", tamén, presuntamente, "en presenza dos seus fillos cando aínda residían en casa e eran menores de idade".

"As agresións continuaron cando os fillos, fuxindo do clima de violencia que se vivía no fogar familiar, abandonaron o domicilio, ocultando a esposa na maior parte das ocasións a existencia das agresións tanto por vergoña a que outros puidesen coñecer a situación que estaba a vivir como polo temor á que a tiña sometida o acusado".

"O que o levaba a manter en moitas ocasións condutas de pasividade e submisión co fin de evitar as reaccións coléricas do procesado", engade Fiscalía que sostén que o acusado prohibía á súa muller "saír de casa ou mesmo realizar tarefas tan básicas como ir comprar o pan para evitar que tivese contacto cos veciños".

Ademais, afirma que tratou de que fose sometida a tratamento médico, "tratando de convencela de que estaba tola". "E tomaba as decisións de todo tipo sen permitir que ela tivese intervención nas mesmas, mesmo na xestión dos asuntos económicos da muller, por exemplo a administración da herdanza da súa nai", apunta.

Sede do TSXG
Sede do TSXG | Fonte: Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta