A Xunta destina 2,4 millóns a un seguro anticovid prevendo 2,5 millóns de turistas para este ano

Turismo de Galicia usará 110.000 euros dese contrato para financiar os grandes medios galegos con campañas publicitarias en Galicia, a pesar de que o seguro é para turistas doutras autonomías e estranxeiros.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/02/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

2,5 millóns de turistas. Esa é a previsión que fai a Axencia de Turismo de Galicia de visitantes que virán a Galicia este ano Santo a pesar das restriccións da covid e, a pesar de que nos dous meses que xa levamos de 2021 a afluencia de turistas ao país foi practicamente nula.

O pasado ano rematou con pouco máis dun millóns de turistas en Galicia, unha cifra moi afastada dos case cinco millóns acadados en 2019. O impacto da covid, especialmente, a partir de mediados de marzo de 2020 cun confinamento que durou tres meses, provocou a paralización total do sector. Este 2021 comezou case igual, con Galicia pechada ao turismo para tentar frear a terceira onda e, aínda así, a previsións da Xunta é que o ano poida rematar coa metade de turistas do 2020, 2,5 millóns.

E prevendo ese gran ascenso no número de viaxeiros, Turismo de Galicia quere realizar a contratación dun seguro de asistencia en viaxe incluíndo a cobertura fronte á Covid-19 como medio para fomentar o turismo tanto nacional como internacional, “en aras da necesaria optimización dos recursos públicos e de prestar a necesaria garantía da saúde dos viaxeiros”.  Un seguro que ten un valor estimado de 2.421.650,00 sen IVE.

O procedemento de contratación aberto pola Xunta inclúe unha póliza de seguros de asistencia sanitaria, repatriación e indemnización por prolongación de estancia que inclúa cobertura COVID-19. A cobertura prestarase de maneira inclusiva, para todos os turistas que viaxen a Galicia, e estará vixente do 1 de marzo de 2021 ao 28 de febreiro de 2022. O contrato poderá prorrogarse por un máximo de nove meses mediante acordo expreso das partes.

O seguro inclúe gastos médicos, cirúrxicos, farmacéuticos e de hospitalización por accidente e enfermedad incluida COVID-19, repatriación sanitaria e falecemento polo coronavirus e prolongación de estancia por corentena pola Covid cun máximo de dez días.

PLAN DE MEDIOS

Curiosamente, e a pesar de estar destinado a turistas doutras autonomías e estranxeiros, a Xunta inclúe un plan de medios no contrato para difundir este seguro, sobre todo, nos medios de comunicación galegos. Outro xeito máis do Goberno galego de financiar ás grandes familias mediaticas do país. Destinará 110.000 euros do orzamento para emitir cuñas de 20 segundos nas emisoras de radio de Galicia, banners nas edicións dixitais dos xornais galegos e banners en webs de ámbito estatal, social ads en redes sociais e plataformas de vídeos e música.

Turistas no Obradoiro na ponte da Constitución. EUROPA PRESS - Arquivo
Turistas no Obradoiro na ponte da Constitución. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Oscar Xabier

Nunca entendín o da publicidade, non hai cartos para certas cousas pero sí que hai cartos para campañas publicitarias nos medios, dame o mesmo que sexa para publicitar o Xacobeo ou para campañas contra a violencia, prefiro que os cartos vaian para quen os precisa e non para os medios de comunicación. A política ten que facerse sen publicidade, empezando a recortar por ahí igual imos mellorando algo.