Críticas ao Sergas por non vacinar nos hospitais psiquiátricos malia ser espazos "de risco"

O sector anuncia mobilizacións logo do gromo rexistrado no psiquiátrico de conxo, con 43 positivos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2021 | Actualizada ás 13:57

Comparte esta noticia

O Movemento Galego da Saúde Mental iniciará esta semana unha serie de mobilizacións para reclamar a vacinación como colectivo prioritario dos pacientes que se atopan ingresados nos hospitais psiquiátricos galegos. A reclamación, lembran, fíxose patente despois de que hai unhas semanas fora rexistrado un importante gromo de covid-19 no Hospital Psiquiátrico de Conxo, en Santiago, con 43 positivos entre traballadores e pacientes, e onde, ademais, faleceron dous afectados, aseguran.

"Esta situación deixou patente a situación de risco que supón para todos e as dificultades para prever focos de contaxio nun centro sanitario onde conviven a diario máis de 300 persoas, compartindo dormitorios, baños e salas comúns, actividades e proxectos de rehabilitación", destacan desde o Movemento.

O pasado 24 de xaneiro, o Movemento da Saúde Mental elaborou un comunicado insistindo na necesidade da vacinación prioritaria a persoal e residentes dos hospitais psiquiátricos "coa maior prema posible", reclamando que se incluísen no grupo I. O 4 de febreiro, apuntan, recibiuse contestación por parte da Xunta "declarando a intención de proceder canto antes á vacinación", algo que, afirman, aínda non se produciu.

Para os integrantes do Movemento, "ninguén tivera en conta o colectivo de persoas ingresadas en unidades de media e longa estancia" neste proceso. "Ninguén se acordou da existencia de tantas persoas que viven en institucións psiquiátricas, a maior parte durante anos ou décadas. Non hai maior discriminación que o esquecemento da súa existencia", engaden.

Por este motivo, o persoal do Hospital Psiquiátrico de Conxo está a recoller firmas para enviar un escrito ao presidente da Xunta, a Ministra de Sanidade e o Defensor do Pobo para reclamar a vacinación inmediata deste colectivo. Paralelamente, o martes 16 de febreiro, ás 15,30 horas, haberá un acto simbólico fronte ao Hospital Psiquiátrico de Conxo para visibilizar a situación deste grupo.

Hospital psiquiátrico de Conxo, en Compostela.
Hospital psiquiátrico de Conxo, en Compostela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta