O 'Espazo Amizar' da Coruña podería estar en funcionamento antes do verán segundo a Xunta

A súa posta en funcionamento, din desde o goberno galego, permitirá avanzar no obxectivo de "alugueres cero".

Por E.P. | A CORUÑA | 15/02/2021 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

A Xunta prevé que o 'Espazo Amizar', que acollerá servizos administrativos e outros vinculados a organizacións sanitarias e sociais, entre en funcionamento antes do verán, tras a reforma do edificio da antiga Delegación de Sanidade na Coruña, situada na rúa Gregorio Hernández.

Así o expuxeron a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, tras supervisar, por videconferencia, o avance dos traballos nun acto con presenza de responsables da obra. Tamén participaron o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez.

Ethel Vázquez subliñou a rehabilitación deste espazo de dous edificios co obxectivo de que se converta "nunha gran área administrativa e con locais para organizacións sanitarias e sociais". A iso, sumou as actuacións na base do 061 para dotala de instalacións "novas".

A conselleira cifrou en 35 os operarios que traballan nestes momentos no lugar, aínda que dixo que aumentará o número "cando comece o revestimento interior". Nestes momentos, indicou que as obras están "ao 40%" de execución e que o obxectivo é que "antes do verán" o 'Espazo Amizar' "poida abrir as portas" ao público.

Pola súa banda, o conselleiro de Facenda subliñou que se trata dunha actuación sobre máis de 5.800 metros cadrados e un financiamento que superará o sete millóns, incluíndo a obra civil máis o equipamento, con cargo en parte a fondos europeos.

A súa posta en funcionamento, remarcou, permitirá avanzar no obxectivo de "alugueres cero", engadiu referíndose en concreto aos gastos que agora debe abonar a Xunta polas oficinas que ten na zona de Elviña.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, supervisan por videoconferencia o avance dos traballos do 'Espazo Amizar' da Coruña. XOÁN CRESPO
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, supervisan por videoconferencia o avance dos traballos do 'Espazo Amizar' da Coruña. XOÁN CRESPO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta