Bugallo sinala que "aínda queda camiño por percorrer" para reducir a incidencia de contaxios

"A pesar de baixar, esas cifras seguen sendo unha barbaridade. Antes do Nadal, o 5 de decembro, estabamos por baixo dos 100 casos", lembrou o rexedor compostelán en rolda de prensa.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2021 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, recoñeceu este luns que os últimos datos sobre incidencia acumulada da covid-19 -370 casos este domingo-- permiten "unha relativa satisfacción, xa que hai unha notable melloría", pero avisou de que aínda queda "moito camiño por percorrer".

"A evolución é positiva. O 27 de xaneiro, o día con datos máis altos, tiñamos 746 casos activos. E este domingo xa baixaramos ata os 370 casos", explicou.

Con todo, mostrouse moi cauto."A pesar de baixar, esas cifras seguen sendo unha barbaridade. Antes do Nadal, o 5 de decembro, estabamos por baixo dos 100 casos", lembrou o rexedor compostelán en rolda de prensa.

"Vista a evolución", Sánchez Bugallo comentou a súa "esperanza" de estar por baixo dos 250 casos activos de covid-19 para o fin de semana do 20 de febreiro, pero indicou que non espera "grandes cambios" nas medidas que publicará este luns a Consellería de Sanidade respecto das restricións vixentes.

"Como sempre recalco, o Comité Clínico e a Consellería son os encargados de ditar as medidas, e nós de facelas cumprir", destacou o alcalde.

AXUDAS HOSTALARÍA

Respecto da nova convocatoria de axudas á hostalaría, que se espera para o mes de marzo, o rexedor informou de que se fará pública unha vez sexa aprobada a liquidación, pero non quixo confirmar se haberá algunha liña de axudas concreta para aqueles hostaleiros que "se quedaron fóra", unha situación que Bugallo recalcou que terá que "pactar coas asociacións".

O alcalde de Santiago tamén se referiu na súa comparecencia á aprobación dos Orzamentos municipais para 2021, "que se porá en marcha unha vez cheguen os informes do interventor" e dos que, a pesar de non estar presentados formalmente, "todos os grupos coñecen as propostas que inclúen".

POMBAL

Por outra banda, Sánchez Bugallo informou de que o concello se reunirá co Ampa do colexio Lamas de Abade para buscar solucións "a longo prazo" aos problemas de conxestión e accesibilidade, entre outros, denunciados polo colectivo.

"A solución ten que ser un proxecto a futuro, que sirva para 40 ou 50 anos, e non sexa unha decisión temporal. A decisión que se tome ten que permitir ampliar a oferta de educación secundaria e, sobre todo, de Formación Profesional", explicou o alcalde compostelán.

Respecto dos atrasos na apertura da ludoteca de Fontiñas, Sánchez Bugallo explicou que a adxudicación está "pendente dos orzamentos de 2021" pero que, "de todos os xeitos, non é urxente, xa que non podería abrir inmediatamente polas restricións vixentes contra a pandemia de coronavirus".

Outro dos temas que tratou o rexedor municipal foi a situación na que se atopa a rúa do Pombal, onde o pasado venres se produciu un novo derrube -un corremento de terra- que obrigou a desviar o tráfico de Galeras por Poza de Bar.

O alcalde, que espera que a zona se reabra "ao longo desta mañá", desexa que o proxecto presentado polo concello poida levar a cabo finalmente. "Presentaramos un proxecto, a cargo dos orzamentos municipais por un valor de 600.000 euros, para construír un muro de contención na zona que tería ademais un paseo na parte superior, pero non houbo acordo cos propietarios", indicou Sánchez Bugallo, que destacou que a corporación "tiña as mellores intencións con este proxecto".

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa este luns 26 de outubro. CONCELLO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa este luns 26 de outubro. CONCELLO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta