O segundo rescate a hostaleiros permite acceder ás axudas a pesar de ter débedas coas administracións

Rueda avoga por ir "aos poucos" ao entender "dificultades" cos 'QR' e defende argumentos "sólidos" para o peche ante recursos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/02/2021 | Actualizada ás 12:01

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará esta semana --o xoves ou o venres-- o segundo plan de rescate a hostaleiros e autónomos fronte á crise da covid, que incorpora, entre outras novidades, a posibilidade de acceder ás axudas aínda se se teñen débedas coas administracións públicas.

Así o anunciou este martes o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, en declaracións aos xornalistas durante un acto en Santiago, despois do encontro que celebrou na tarde do luns con representantes do sector.

Respecto diso, afirmou entender "perfectamente" as "dificultades" que supón a implantación dun sistema mediante códigos 'QR', polo que avogou pola súa implantación "aos poucos" e de forma "voluntaria e non obrigatoria".

Segundo destacou, este método "axuda moitísimo" para controlar no caso de que se produzan contagios de coronavirus en establecementos hoteleiros, e a intención da Xunta é que "aos poucos se xeneralicen", do mesmo xeito que se están utilizando noutras comunidades autónomas.

Mentres, cuestionado por se prosperan recursos das asociacións de hostalaría contra o peche da actividade, destacou que están no seu "dereito" de presentalos pero o Goberno galego ten "argumentos sólidos" para a adopción de medidas que teñen por obxecto, segundo recalcou, "o interese sanitario xeneral".

Un grupo de persoas toma consumicións nunha terraza / Carlos Castro - Europa Press. / Europa Press
Un grupo de persoas toma consumicións nunha terraza / Carlos Castro - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta