BNG e PSdeG rexeitan a nova Lei de Saúde por tratar a pandemia como "un problema de orde pública"

O PPdeG destaca que busca "dar máis garantías" e detallar como pode intervir "de forma proporcionada" unha administración ante a pandemia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/02/2021 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

A oposición galega rexeitou a reforma da Lei de Saúde de Galicia, que se prevé que se aprobe no próximo pleno da Cámara galega cos votos do Partido Popular, por considerar que trata a pandemia como "un problema de orde pública" e que pode presentar problemas de "constitucionalidade".

Un axente da Garda Civil dá o alto a un vehículo nun control dentro das medidas de prevención da Covid-19
Un axente da Garda Civil dá o alto a un vehículo nun control dentro das medidas de prevención da Covid-19 | Fonte: Ricardo Rubio - Europa Press - Arquivo.

Tras a reunión da Xunta de Portavoces na que se marcou a orde do día da próxima sesión plenaria, a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, avanzou o rexeitamento da súa formación a esta norma por considerar que o PP "pretende resolver a maior crise sanitaria coma se fose un problema de orde pública".

"Non se pode facer fronte a unha pneumonía a base de multas, necesitamos reforzar a sanidade, dotala de máis recursos, recuperar o investimento público nos orzamentos recortados nos últimos 11 anos polo Partido Popular", sinalou Rodil, que subliña que "o que necesita o país son medidas dirixidas a mellorar a calidade asistencial e a saúde de todos os galegos, e non converter a saúde nun todos somos sospeitosos".

Pola súa banda, o viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, alertou de que os populares "pisan un terreo enormemente esvaradío" con esta reforma que pode "supor problemas de legalidade ordinaria e mesmo de constitucionalidade".

"Non entendemos que se trate de retorcer as posibilidades do noso ordenamento xurídico ata niveis que exceden a legalidade", afirmou o socialista, que sostivo que este cambio normativo fala de "temas moi serios". "Está a tratar de posibles restricións de dereitos sobre os que a Comunidade Autónoma non é competente" simplemente polo "interese do presidente da Xunta en apuntarse un tanto".

"FALTA DE APOIO LEGAL"

En fronte, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, defendeu a necesidade de dotar de seguridade xurídica a xestión da pandemia nun contexto no que "moitas das decisións adoptadas" polos gobernos autonómicos están "a ser recorridas por falta de apoio legal" tendo en conta que "as leis de saúde" ás que recorre o Estado de Alarma "a penas teñen instrumentos" para abordar este asunto.

"Foi recoñecido polo propio Goberno de España cando dixo que ía actuar nunha reforma da lei estatal de Saúde", sostivo Pedro Puy. Ademais, defendeu que o "ideal" sería que esta normativa fose "estatal" pero considerou necesario actuar "a nivel autonómico dentro das competencias" ante a negativa do Executivo estatal a facelo.

Deste xeito, subliñou que o que busca esta lei é "dar máis garantías" e detallar como a administración "pode de forma proporcionada intervir ante unha pandemia". "O que non nos parece verosímil é que haxa quen vexa nisto xusto o contrario do que é e que os gobernos poidan facer o que queiran e uns tribunais digan unha cousa e outras outra", sostivo.

Ademais, sobre as sancións, considerou que ten que haber un instrumento que permita que estas se fagan efectivas para que "aqueles que incumpriron as normas" aprobadas para protexer a saúde dos cidadáns "se vaian de rosiñas". "A ninguén lle gusta sancionar, pero o que é absurdo é que unha autoridade poña sancións que despois os tribunais tomban por falta de apoio legal", indicou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta