Galicia, unha potencia cabalar oculta que se espalla por Asturias, León, Zamora e Portugal

Galicia é a segunda comunidade española con máis explotacións de gando equino. Un feito que levou a un socio da Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga) a realizar o primeiro histod sobre o léxico da hipoloxía no galego oral.

Por Galicia Confidencial | Ponteareas | 17/02/2021 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

Sete anos investiu o filólogo ponteareán Fernando Groba Bouza na elaboración da súa tese de doutoramento O léxico da hipoloxía no galego oral, unha investigación que pon en valor a grande importancia que ten este sector en Galicia, a pesar do escaso recoñecemento, tanto da administración, como dos medios de comunicación e da sociedade en xeral. De feito, o país e a segunda comunidade autónoma en número de explotacións de gando equino, só superada por Andalucía, segundo datos do Ministerio de Agricultura.

Cabalo galego de monte
Cabalo galego de monte | Fonte: UVigo.

A celebración anual de máis de 200 actividades, como 15 feiras cabalares de grande impacto no contexto estatal e europeo, unha vintena de curros ou rapas das bestas nas súas serras, 80 concursos ou probas federadas que organiza a Federación Hípica Galega e máis dun cento de eventos ecuestres como rutas, xuntanzas e festas do cabalo, confirman a relevancia deste sector. Algo que non quixo pasar por alto Fernando Groba que, ademais é, desde hai anos, socio da Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga).

A decisión de centrar a súa tese de doutoramento no léxico da hipoloxía no galego oral xustifícase polo enorme contraste detectado entre a importancia do sector equino e a practicamente inexistente bibliografía sobre hipoloxía escrita neste código. “Deste xeito, comecei a pensar que facer un estudo amplo sobre o vocabulario da hipoloxía podería ser útil. Vin que existía a posibilidade de botar man da documentación oral e foi aí cando decidín facerlles entrevistas e gravacións a persoas directamente vinculadas con estes animais”, non só de Galicia, senón tamén en concellos estremeiros de Asturias, León e Zamora nos que se fala galego e tamén do norte de Portugal.

No seu traballo, que comezou en setembro de 2013, clasificou un total de 73.333 unidades denominativas. Delas recolleu 38.841 denominacións, das que 18.813 non se repiten. A tese confirma a existencia dunha cultura ecuestre enorme, “que demostra que o equino é un animal totémico no noso país, tanto que a evolución histórica da sociedade galega pode ser analizada a través destes animais (a mudanza no seu trato e coidado así como no cambio de funcionalidade)”, confirma o doutor pola Universidade de Vigo.

A investigación, pola que Groba acadou a cualificación de sobresaliente cum laude, tamén conclúe que o vocabulario equino galego permite delimitar áreas e subáreas dialectais que coinciden grosso modo con aquelas que posúe a lingua xeral e que o estudo do léxico a partir da lingua oral precisa unha boa planificación e concreción previas porque o obxecto de estudo pode converterse en algo inabarcable.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta