Traballadores de residencias públicas esixen á Xunta que investigue as vacinacións de directivos das privadas

Solicitan ao Valedor do Pobo que interceda para lograr que a conselleira de Política Social lles reciba.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/02/2021 | Actualizada ás 15:09

Comparte esta noticia

O comité intercentros do persoal laboral da Xunta censuraron que a Administración autonómica dea por boas as explicacións dos directivos de grupos empresariais que recibiron a vacina contra a covid-19 en Galicia xustificando que estaban en contacto directo con usuarios de residencias de maiores. Uns feitos que os traballadores demandan que sexan investigados porque "non pode ser que unha persoa, porque teña un cargo, poida saltarse todo o protocolo".

Vacina
Vacina | Fonte: A.Pérez - Europa Press.

Así o manifestou o presidente do comité intercentros, Manuel Gallardo, tras presentar este mércores un escrito no que solicitan ao Valedor do Pobo que interceda para lograr que a conselleira de Política Social, Fabiola García, reciba aos traballadores das residencias de maiores que desde fai máis de medio ano demandan a revisión do seu convenio.

Para Gallardo, vacinacións como a da delegada de DomusVi, Josefina Fernández, ou outros cargos directivos de grupos empresariais que obtiveron a vacina "son a demostración palpable da incompentencia" da Consellería que dirixe Fabiola García.

"Estamos gobernados por unhas persoas moi incompetentes; e iso leva consigo que se salten os protocolos, as normas e a ética", incidiu para, a continuación, subliñar que "o máis triste" destes feitos é que a Xunta dea por boas as explicacións e non investigue se se produciu algunha irregularidade.

"Alguén se cre que ten contacto habitual e directo cos residentes a conselleira delegada dun monstro como é DomusVi? Quen llo cre? Ninguén", aseverou o presidente do comité, que incidiu en que a Xunta debe investigar estas vacinacións e levalas, mesmo, ante Fiscalía se fose necesario.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta