Por E.P. | Santiago de Compostela | 17/02/2021 | Actualizada ás 17:25
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, celebrou a recuperación para o público do Pazo de Meirás grazas a "un goberno progresista" e considerou que debe destinarse a recuperar a memoria histórica.
O xefe de filas dos socialistas galegos avisou de que o seu partido non tolerará "que a dereita busque escusas" para evitar que este ben de interese cultural sirva para a recuperación da memoria democrática.
Gonzalo Caballero manifestou que os socialistas están dispostos a traballar en que o pazo sexa xestionado pola Xunta, pero sempre que para iso haxa unha sentenza firme "que o posibilite xuridicamente" e un "mecanismo institucional que blinde a cesión" para que "a Xunta non poida terxiversar a finalidade da súa recuperación".
Así mesmo, sinalou que a súa recuperación se trataba dunha "débeda e unha necesidade democrática para o público" e que foi "un avance" do Goberno de Pedro Sánchez. Así, criticou que durante os seus anos de goberno, o popular Mariano Rajoy non dese "os pasos necesarios para iso coa complicidade de Alberto Núñez Feióo".
"Coa dereita nunca sería público, porque non empregarían a capacidade xurídica do Estado para pleitear fronte á familia Franco", manifestou Gonzalo Caballero, que subliña que a finalidade da recuperación é "enxalzar a democracia, condenar o franquismo e recuperar a memoria democrática". Con este obxectivo, fixo saber que se traballará nun plan de uso para o Pazo que sexa "o máis ambicioso, capaz e solvente pero que garanta que a finalidade principal é a memoria democrática".
Caballero subliñou que desde o Partido Socialista xa o esixían nos anos 70 e, agora, non permitirán que "desde a dereita busquen escusas ou determinados sistemas perversos para evitar que Meirás supoña esa recuperación e un lugar emblemático de condena ao franquismo e de defensa da democracia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.