Un cribado a 15.000 persoas da provincia de Pontevedra sáldase con só 30 positivos

Foi desenvolto con probas de saliva nas farmacias da provincia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/02/2021 | Actualizada ás 13:04

Comparte esta noticia

O cribado de mostras de saliva realizado no últimos oito días en case 400 farmacias da provincia de Pontevedra arroxou un resultado de 30 casos positivos de COVID, segundo informou a delegada de territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

Fernández-Tapias, que este xoves visitou unha desas farmacias acompañada pola presidenta do Colexio oficial de Farmaceúticos da provincia, Alba Soutelo, explicou que, en total, analizáronse 15.040 mostras de saliva, autorecollidas polas persoas que participaron de forma voluntaria no cribado e que a entregaron nas boticas para o seu traslado ao laboratorio de Microbioloxía do Chuvi.

Este cribado iniciouse a pasada semana e, tras unha proba piloto na que participaron 6 establecementos, xa se sumaron ata 381 das 429 farmacias da provincia. Estas oficinas de farmacia reparten kits de recollida de saliva a persoas de entre 40 e 64 anos de idade e, tras a entrega e análise das mostras, os resultados son comunicados aos participantes. No caso de que sexan positivos, son citados para confirmar o devandito resultado mediante a realización dunha proba PCR.

CRIBADO EN VILABOA

Por outra banda, o Sergas informou da detección dun caso positivo de COVID en cribado realizado con test rápidos de antíxenos no municipio de Vilaboa. Para este cribado convocouse a algo máis de 2.700 persoas de entre 40 e 79 anos de idade, das que finalmente participaron 1.854, un 68,1 % dos citados. Nas probas detectouse un caso positivo de COVID-19.

Mostra para facer un test de coronavirus
Mostra para facer un test de coronavirus | Fonte: © Miguel Núñez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta