Revés da Xustiza á hostalaría galega: o TSXG rexeita a reapertura cautelar e urxente de bares e restaurantes

Alega que o asunto debe tratarse pola vía ordinaria e lembra a "preponderancia do interese xeral de protección da saúde pública"

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/02/2021 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

A sección terceira da sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou suspender de forma cautelarísima a orde de peche dos bares, cafetarías e restaurantes por mor da covid-19, unha petición realizada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría da Coruña.

Bar pechado polas restricións sanitarias por mor da covid-19
Bar pechado polas restricións sanitarias por mor da covid-19 | Fonte: M. Dylan - Europa Press - Arquivo.

Hai unha semana, esta asociación volvía pedir ante a Xustiza galega que se deixase sen efecto o peche dos establecementos hostaleiros galegos en tanto se resolve a querela contra a orde da Xunta, unha medida que foi adoptada polo Tribunal Superior de Xustiza de País Vasco. Con todo, no caso galego, os tribunais xa descartaran estas medidas cautelares noutra demanda presentada no mes de agosto e que está pendente de resolución.

Neste caso particular, o TSXG non aprecia a concorrencia "de ningunha das circunstancias de especial urxencia" para tomar esta decisión, entre elas "o estado extremo de debilidade económica que padece o sector", alegadas pola asociación e necesarias para dar o visto e prace á medida cautelarísima solicitada.

Por iso, os maxistrados rexeitan revogar a decisión da Xunta de forma urxente, é dicir, sen escoitar as alegacións da Administración autonómica e sen entrar a valorar o fondo do asunto.

De feito, ordenouse abrir unha peza separada e tramitar o incidente como cautelar ordinaria, o que lle permitirá examinar os argumentos da Xunta para ordenar o peche dos establecementos antes de pronunciarse sobre a solicitude dos hostaleiros coruñeses de suspender a orde de peche dos locais.

Os xuíces destacan no auto que "non corresponde axuizar agora" se a orde que se impugna incorreu "nas infraccións que a entidade recorrente aducirá no seu escrito de demanda". Na resolución explican que o prexuízo que alegan os hostaleiros para solicitar a medida cautelarísima é "de índole económica", polo que entenden que "non resulta ser de difícil ou imposible reparación, como parece corroboralo as axudas que se están ofertando pola Administración".

A Sala tamén lembra que, neste tipo de casos, nos que se solicita a adopción de medidas cautelarísimas, o Tribunal Supremo optou "por non apreciar as especiais razóns de urxencia, vinculando esta decisión á análise da natureza dos intereses en conflito e á indubidable preponderancia do interese xeral na protección da saúde pública". A concorrencia de circunstancias de especial urxencia, tal e como destaca o TSXG, é indispensable para suspender un acto administrativo con carácter cautelarísimo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta